XXV. A Dama de Eiras

Parece que se “conservan” en mans privadas algúns vestixios atopados no Castro de Eiras. A única información á que podemos acceder é a ficha firmada por Nieves Amado Rolán en novembro de 2002, na que se fala de “anacos de cerámica, dous muíños circulares, unha columna e, sobre todo, unha escultura a modo de ídolo antropomorfo, cos rasgos marcados mediante simples incisións, que mide 20 cm. de altura por 11 cm. de ancho na base e 8 cm. na cabeza e 6 cm de grosor”. Entendo que o “grosor” é o fondo da figura.

Non consta en ningún lugar interese das administracións culturais por accións para tratar de recuperar tan sensible achádego, por iso se comparte nesta páxina. Ao non haber forma de acceder á peza temos que conformarnos coa reprodución gráfica que a propia Nieves Amado anexou á ficha de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Á esquerda da imaxe vemos a fotografía que consta na devandita ficha, e á dereita, unha reconstrución posible da peza (a testa é inventada, non existe, por iso non ten detalles).

Habería que confirmar se realmente lle falta a cabeza, pero os “rasgos marcados con simples incisións” poderían moi ben responder a unha simplificación dos plegues dun vestido longo e á delimitación dos brazos da figura, que semella ser feminina e con actitude orante ou oferente, xuntando as mans. Unha moi repetida postura en estatuiñas de clara tradición neolítica.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario