XXIII. A Fareixa

Na Fareixa podemos contemplar un espectáculo natural malogrado cunha desafortunada canteira. Unha chamativa caída de auga de máis de vinte metros que formou ao traverso de milleiros de anos unha paisaxe única, escavando a auga impresionantes puzos nas rochas, coma o chamado Meimón.

Ademais da canteira, é denunciable tamén o verquido de augas fecais de todas as aldeas dende Lamego, Andrade, Loucía, Eiras, Cima de Vila, A Lama… e algunha máis, dos concellos de San Amaro e de Cenlle. As obras, da década final do século XX, eran públicas, promovidas polas autoridades que debían velar pola protección destes hábitats. 

Vivían naquelas augas limpas todo tipo de anfibios, reptiles, vermes, peixes e insectos: ras, cobriñas de auga, sambesugas, zapateiros, cabaliños do demo… Mesmo, de cando en vez, antes dos embalses no Miño, subían as anguías pola fervenza. Nas aldeas de augas arriba, o gando bebía á volta do monte (de pastar) ou das labouras. Antes de mover os muíños, a auga tamén era levada aos lameiros e aos eidos, pra poder regar o millo e as patacas. Nas épocas da mata lavábanse as tripas dos porquiños en determinados lugares. Os regueiros daban vida e mantiñan un equilibrio que xa duraba milleiros de anos… ata que viñeron os ignaros a estragalo todo.

Agora, o Fareixa soporta máis caudal de augas fecais que o caudal natural nos meses estivais. Ademais, os deterxentes favorecen a existencia de microorganismos que consumen o osíxeno da auga. Resultado: augas chocas e morte de fauna e flora. Hoxe sería tóxico regar con estas augas e non valerían pra darlle de beber ao gando.  

Complementábase a fermosura desta paisaxe natural da Fareixa, anterior aos desastres, coa ponte, coa paraxe das adegas e lagares de Bustelo e cos muíños á beira do regato, hoxe todos arruinados.

MADOZ, no seu famoso Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico en 1847, fala de que había en Erbededo “6 molinos harineros” que traballaban sete meses do ano. 

Sabemos que os muíños da Fareixa eran tamén utilizados polas xentes das parroquias de Eiras, San Cibrao das Las, Vilar de Rei e, mesmo, de Ourantes. Tamén funcionou na Fareixa unha central hidroeléctrica.

© F. González Iglesias. Maio 2023.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario