XIX. A igrexa de Eiras

A feligresía de Santa Uxía de Eiras, no concello de San Amaro e na antiga xurisdición de Roucos, conserva un templo parroquial feito co decorrer dos tempos no que se adiviñan as máis profundas raiceiras en épocas precristiáns, como testemuñan os perpiaños reticulados reaproveitados nos seus muros, ou os restos de mosaico romano e de tegulae (tellas), tamén romanas, que se atoparon nas súas inmediacións.

Sábese que antes do cristianismo existía o culto a Bandua por estas terras, divinidade misteriosa que foi esquecida trala romanización. Da época romana tamén existe constancia do culto a Xúpiter na contorna, que sabemos pola inscrición dunha rocha na citania de Lámbrica e por unha ara adicada a este deus que se conserva na igrexa de Trasariz. 

A mediados da década dos cincuenta, CHAMOSO LAMAS escribe que en: 

(…) dirección Oeste se alcanza el pueblo y parroquia de Eiras, en el atrio de cuya iglesia descubrimos en 1946 grandes “tégulas” romanas recogidas allí mismo por el sacristán, que desconocía su importancia; y en el huerto y viña de la casa rectoral, contigua a la iglesia, hallamos los trozos cerámicos de vasijas de tipo indígena, ya romanizado, que más bella y original decoración presentan de cuantos conocemos en Galicia”.

Por outra banda, sabemos por RODRÍGUEZ COLMENERO que

“Fuentes fidedignas han hecho llegar hasta nosotros la noticia de que el señor cura párroco de Eiras había encontrado ocasionalmente un mosaico en su viña, que se apresuró a recubrir de nuevo, así como abundante cerámica romana (…)”

Despois da chegada do cristianismo, cara os séculos V ou VI, mudaron os deuses, todo cambiou, artellándose a división territorial das aldeíñas en parroquias e erguéndose os correspondentes edificios de culto para cada comunidade.

A igrexa de Eiras non foi o único edificio relixioso da parroquia. Podemos citar a ermida de San Cosme e Damián, templo do que xa non queda recordo, no monte ao que lle deu nome, A Ermida, ou as capelas das casas de Sabariz, a carón da eira do pazo, e da Casa Grande de Eiras, ao lado da Carballa. Forman, por infortunio, parte do patrimonio relixioso xa desaparecido da feligresía. 

É común ler en guías e textos que a actual igrexa parroquial de Santa Uxía de Eiras foi “construída entre 1660 e 1740“, pero, tendo en conta o que se dirá despois, estas datas deberían ser, cando menos, revisadas. 

A igrexa de Eiras era das popularmente chamadas “de carneiro“. O “carneiro“, algunhas veces año (carneiro xoven), outras xabarín… era un animal que se situaba no cumio das cabeceiras e das fachadas nos templos románicos, soportando cunha cruz antefixa no seu lombo. A maioría dos especialistas chámanlle “Agnus Dei” –año de Deus– sen fixarse na presenza moi común de cornamentas, que os años, pola súa xuventude, non posúen.

Coñecemos por tradición oral a existencia posible en Eiras deste elemento construtivo, que se situaba nos cumios dos tellados románicos. Fai anos, nas tertulias que se facían antes dos oficios, particularmente nas celebracións máis solemnes e festivas, algún veciño contaba que tiña visto, non sei se o carneiro ou a cruz, nalgún lugar do adro. 

Este complemento construtivo, elemento ornamental moi utilizado nas igrexas dos séculos XII e XIII, fai pensar nunha antiga obra románica anterior a actual fábrica da igrexa de Eiras. 

Polo muro norte aínda son visibles no paramento algúns dos distintos “engadidos” que sufriu o edificio dende a súa primeira construción.

O actual edificio da igrexa de Eiras é de construción sinxela, con pranta lonxitudinal e nave única de orientación canónica, coa cabeceira cara o Leste.

Na fachada ou frontispicio occidental presenta unha porta adintelada de dúas follas, á que se sobrepón un arco de medio punto, a xeito de arco de descarga. 

As portas, de grosas táboas de castiñeiro e con cravos de cabeza cruciforme, seica foron fabricadas en Laias. Posúen unha chave de ferro de bo tamaño. Por enriba do arco da porta, unha fiestra vertical rectangular, no centro, dá luz á nave interior. 

Coroa a fachada unha espadana de dous corpos e tres vans, dous no corpo inferior, nos que se colocaron as campás, a maior e a pequena. A campá maior ten data de 1899 e a campá menor ou pequena ten a data de 1889.

A espadana foi o derradeiro elemento arquitectónico que se engadiu á fábrica, posiblemente substituíndo a outra máis antiga. A actual parece obra do século XIX. A data da súa construción debe estar na inscrición ilexible que hai enriba da ventá da fachada principal.

O presbiterio sobresae en altura por riba do teito da nave, pero tamén en pranta. O presbiterio ou coro, como lle chaman popularmente, está comunicado coa nave por un airoso arco trunfal.

Ao exterior, o coro ten tellado a catro augas, cunha enorme pedra semiesférica no cumio, onde en tempos debeu erguerse unha cruz de ferro que nos anos oitenta estaba gardada no soto, un cuarto debaixo do piso da sancristía.

Polo interior, o cumio do presbiterio está decorado e presenta pintadas, no mesmo teito de madeira de castiñeiro, catro grandes paneis que arrodean a unha flor central:

ESSE / CUM JESU / DULCIS EST / PARADISUS
(O mundo con Xesús é un doce paraíso)


Reproduce unha frase de Tomás de Kempis, un agostiño que naceu a finais do século XIV, escrita no “Libro Segundo” da súa obra “Imitación de Cristo”:

Quid habet mundus conferre sine Jesu? Esse sine Jesu est gravis infernus, et esse cum Jesu dulcis paradisus”.


Voltando ao exterior, a igrexa de Eiras presenta cara ao sur dous edículos engadidos, con menor altura, que acollen, respectivamente, a sancristía (anexa ao presbiterio) e unha antiga capela da Visitación, transformada no século XX na da Virxe de Fátima, anexa aos pés da nave. Entre ambos edículos, ábrese no muro sur a porta pequena da nave.

A sancristía ten unha monumental fonte de pedra, continuada cun desaugue ao exterior, exercido por unha cara con grave aspecto severo, como debe corresponder á súa función.

A capela da Visitación, chamada algunhas veces “da Purificación“, foi edificada por Bartolomé Vázquez de Sabariz, xunto coa súa dona Catalina e os seus herdeiros, segundo pode lerse na inscrición que se atopa no muro occidental exterior.

A entrada á capela da Visitación faise por un arco de medio punto no muro lateral sur da igrexa. Non ten acceso directo dende o exterior. Nesta capela atopábase a pía bautismal ata as reformas de finais do século XX.

Bartolomé Vázquez de Sabariz finou en 1628. Temos que supoñer, entón, que a capela foi edificada entre finais do século XVI e principios do XVII. 

Tendo en conta que a capela é un engadido á nave da igrexa, esta nave xa tiña que existir no século XVI. Por iso as datas das primeiras construcións da igrexa de Eiras deben ser moi anteriores ás que se manexan habitualmente (1660-1740).

Ademais, debemos valorar que é un edificio que non se fixo completo dunha soa vez. As diferenzas na disposición do paramento dos muros e a diversidade na labra das molduras das cornixas poden dar fe das distintas fases da construción.

Sabendo da abundante tella romana (tegula) aparecida no adro e da existencia dun mosaico, aínda soterrado na viña, é posible que os alicerces procedan dun edificio de época romana.

Pola parte occidental do templo está a maltratada casa reitoral, con airosa solaina cara a horta, que tivo un cabaceiro de grandes dimensións e un fermoso pombal circular.

Diante da porta principal hai unha bancada feita cos chanzos, moi ben labrados, do presbiterio, cando se retirou o sollado de lousas de pedra e se cubriu de baldosa o interior da igrexa.

© F. González Iglesias. Maio 2023.

Bibliografía

CHAMOSO LAMAS, M.: “Excavaciones Arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)”, en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV, Cuadernos 1-3, 1954-1955. Ministerio de Educación Nacional. Madrid, 1956.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A.: Galicia Meridional Romana. Universidade de Deusto. Bilbao, 1977.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario