Bandua de Lámbrica na ara de Eiras

Primeiras liñas da ara de Bandua de Eiras: BANDV / ? LAMB /
M. O que lle segue é un B, do que case non hai discusión a pesar de estar máis deteriorado


A posible ubicación orixinal da ara de Eiras

Na Ermida, paraxe da parroquia de Santa Uxía de Eiras, un cruceiro marca o lugar onde hai restos dunha mámoa, non lonxe dunha peneda con petroglifos circulares, e recorda a ubicación dunha antiga capela, inmortalizada polo propio topónimo.

A presenza desta vella capela, da que non quedan restos, está confirmada por un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa das MÚAS, anexa á ERMIDA de SAN COSME E SAN DAMIÁN na feligresía de Santa Uxía de Eiras, cara a 1695.

Andres del Villar, en nome do encomendador de San Julián de Paços de Arenteiro, frey Garcia de Ábila, pon acción de demanda pedindo entero cumplimiento de sentencia contra Doña Ana de Toubes, Doña Isabel Vázquez de Toubes (de Sabariz, viúva do rexedor de Ourense Xoán de Cárdenas), Don Domingo de la Fuente abade de Eiras e Don Francisco Vázquez de Toubes polo lugar y granja que se nomina de las Múas aneja y perteneciente a la ermita de San Cosme y San Damián.

Liña 9: “… (te)nedores y poseedores del lugar y granja que se nomina de las Múas aneja y perteneciente a la ermita de San Cosme y San Damián…” (fragmento dun documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia)

Son constantes as alusións en libros de visitas parroquiais á destrución de capelas no século XVIII debido ao seu estado de abandono ou deterioro. Tamén son abundantes os exemplos da conservación de aras romanas dentro de templos cristiáns. Se a ara de Bandua estivese nesa ermida desaparecida, sería natural que algún dos señores do pazo de Eiras a levase pra o seu xardín cando a capela se deteriorou ou se derrubou.

Ademais, tivo, seguramente, a singular idea de colocar a ara en liña recta coa disposición axial da igrexa de Santa Uxía de Eiras, é dicir, seguindo a liña lonxitudinal do templo cara o punto Leste. Aínda que isto é unha suposición, debemos pensar que as posibilidades de casualidade son mínimas.

Ara de Eiras no xardín do pazo en 2007

A bancada de pedra arredor da ara no xardín do pazo, que aínda pode verse nas fotografías de 2007, semella ser labrada nesa época do XVIII, á medida da mesa que era sostida pola propia ara. Sería así, tendo conta dunha mesa de pedra e rodeada por una bancada, como se conservou e como chegou ata o século XXI a misteriosa ara de Bandua de Eiras.

© F. González Iglesias


Fotografía de Nieves Amado Rolán publicada pola propia autora nunha rede social (Facebook) a principios de 2017. A ara acababa de ser retirada do lugar que ocupaba no xardín do pazo de Eiras.
Extensión aproximada de inscricións con teónimos de raíz BAND- na península ibérica (elaborado a partir de datos de Hispania Epigraphica)

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario