XVI. Bandua de Lambrica na ara de Eiras

Táboa

1. A posible ubicación orixinal da ara de Eiras

2. Bandua e a ara de Eiras segundo Cuevillas

3. Conclusións

Primeiras liñas da ara de Bandua de Eiras: BANDV / ? LAMB /
M. O que lle segue é un B, do que case non hai discusión a pesar de estar máis deteriorado

1. A posible ubicación orixinal da ara de Eiras

Na Ermida, paraxe da parroquia de Santa Uxía de Eiras, un cruceiro marca o lugar onde hai restos dunha mámoa, non lonxe dunha peneda con petroglifos circulares, e recorda a ubicación dunha antiga capela, inmortalizada polo propio topónimo.

A presenza desta vella capela, da que non quedan restos, está confirmada por un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa das MÚAS, anexa á ERMIDA de SAN COSME E SAN DAMIÁN na feligresía de Santa Uxía de Eiras, cara a 1695.

Andres del Villar, en nome do encomendador de San Julián de Paços de Arenteiro, frey Garcia de Ábila, pon acción de demanda pedindo entero cumplimiento de sentencia contra Doña Ana de Toubes, Doña Isabel Vázquez de Toubes (de Sabariz, viúva do rexedor de Ourense Xoán de Cárdenas), Don Domingo de la Fuente abade de Eiras e Don Francisco Vázquez de Toubes polo lugar y granja que se nomina de las Múas aneja y perteneciente a la ermita de San Cosme y San Damián.

Liña 9: “… (te)nedores y poseedores del lugar y granja que se nomina de las Múas aneja y perteneciente a la ermita de San Cosme y San Damián…” (fragmento dun documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia)

Son constantes as alusións en libros de visitas parroquiais á destrución de capelas debido ao seu estado de abandono ou deterioro. Tamén son abundantes os exemplos da conservación de aras romanas dentro de templos cristiáns. Se a ara de Bandua estivese nesa ermida desaparecida, sería natural que algún dos señores do pazo de Eiras a levase pra o seu xardín cando a capela se deteriorou ou se derrubou.

A principios do século XIX, D. Benito María Tizón, que era o dono do pazo e coto de Eiras, declara posuír unha “casa al sitio de la Hermita vieja de alto y bajo, corral cerrado y capilla, todo sin uso…”. A importancia deste dato radica en que, por esas datas, a casa e capela a Ermida non eran propiedade da Casa de Sabariz, senon da Casa Grande de Eiras.

Fose don Benito María Tizón ou fose algún dos seus sucesores, a persoa que trouxo a ara pra o xardín do pazo de Eiras tivo, ademais, a singular idea de situala en liña recta coa disposición axial da igrexa de Santa Uxía, que está a uns noventa metros, é dicir, seguindo a liña lonxitudinal do templo cara o punto Leste. Aínda que isto é unha suposición, debemos pensar que as posibilidades de casualidade son mínimas.

A bancada de pedra arredor da ara no xardín do pazo, que aínda pode verse nas fotografías de 2007, semella ser labrada entre mediados ou finais do século XVIII e mediados do XIX, á medida da mesa que era sostida pola propia ara. Sería así, tendo conta dunha mesa de pedra e rodeada por una bancada, como se conservou e como chegou ata o século XXI a misteriosa ara de Bandua de Eiras.

2. Bandua e a ara de Eiras segundo Cuevillas

A primeira vez que Cuevillas fala da ara de Bandua de Eiras podería ser en 1933, cando, xunto con Rui de Serpa Pinto, publican no Seminario de Estudos Galegos un traballo sobre a relixión na Idade do Ferro no Noroeste da Península. Ao falar de Bandua, expoñen exemplos de varios epígrafes. Unha das aras que citan é a de Eiras:

Bandua lese tamén na primeira liña de unha pequena ara inédita e non descifrada por compreto, de Eiras, perto da cividade de San Cibrán das Las”.

En 1953, Cuevillas volve reafirmarse en “La Civilización Céltica en Galicia“, publicada en 1953 en Santiago de Compostela por Porto y Cia Editores:

“BANDUA.- Es uno de los númenes galecos que alcanza una mayor extensión. Su verdadera naturaleza nos es desconocida, pudiéndose deducir tan sólo de las expresiones adjetivales que van a veces después de su nombre, que sirvió de patrono a ciertas colectividades indígenas. Una lápida dedicada sencillamente a Bandua, apareció en Bragança. Otro epígrafe de la iglesia prerrománica de Santa María de Mixós muestra Bandua Calaicos; Banderaeicos en otra de Ribeira da Pena, en Vila Real, y Bande Velugo Toiraeco en una tercera del Castelo de Vila da Feira. El mismo nombre divino de Bandua, seguido de palabras que aún no fueron descifradas por completo, se encuentra en inscripciones de Eiras, cerca del castro de San Cibrán das Las y en Vilaza, no lejos de Verín.

Es posible que este numen tuviera el centro de su culto entre los Límicos y los Tamaganos, a juzgar por la localización, en grupo apretado, de las lápidas de Mixós, Vilaza y Sarreaus, pero su extensión es mucho más grande metiéndose en los países lusitanos del Sur del Duero, registrándose un Bandioilienaico en Esmolfe, Beira; un Bandiaepolosegus en Brozas, Cáceres; un Betuanaeco en Ciudad Rodrigo, y un Bandua Ituiciesis en la Mezquitilla, Orgaz, Toledo, siendo posible que tengan relación con esta divinidad la Bandoga, de San Pedro do Sul, y el Baraecus de Trujillo.

El examen filológico del nombre de Bandua no esclarece el carácter del dios. El P. Fita hace notar que en gaélico el prefijo ban- entra en banaba (reina) y en bandia (diosa). En otro trabajo indica la posibilidad de que Bandua sea un numen andrógino: Lunus-Luna. Leite de Vasconcellos señala el hecho de aparecer invariable en todas las dedicaciones el elemento band- que tiene en las lenguas celtas la significación de ordenar y privar. Los dos autores citados coinciden con Schuchardt en que las terminaciones que en los más de los casos van en compañía de Bandua son epítetos tópicos y gentilicios.”

(Extraído de FLORENTINO LÓPEZ-CUEVILLAS, “La civilización céltica de Galicia”. Colegio Universitario. Ediciones Istmo. Madrid, 1988. ISBN: 84-7090-199-00. Páxinas 288-289).

Extensión aproximada de inscricións con teónimos de raíz BAND- na península ibérica (elaborado a partir de datos de Hispania Epigraphica)

3. Conclusións

A ara de Eiras, con epígrafe romano, mostra claramente a pervivencia dun culto ancestral aínda despois da romanización. A ara de eiras non apareceu na citania de San Cibrao das Las pois de ser así, Cuevillas, que participara nas excavacións, teríao documentado. As terras da Ermida e as Múas teñen moitas posibilidades de ser o santuario onde se lle ergueu e se labrou unha inscrición a unha antiquísima deidade chamada Bandua.

O hidrónimo Labandeira, as máis das veces escrito Lavandeira, un regato -chamado Fareixa nalgúns mapas- que nace en terras de Lamego (Salamonde) e desemboca no río Miño despois dunha espectacular fervenza, podería facer alusión a algún antigo teónimo (…BAND…).

A inscrición da ara de Bandua de Eiras sempre foi problemática pra ler, pero xa era coñecida en 1933. A lectura do epíteto ou locativo LAMBRICAE percíbese bastante clara nas fotografías realizadas en 2007 no xardín do pazo de Eiras.

En canto a Bandua, poderiamos deducir que era unha divinidade prerromana con culto moi extendido na península ibérica. Os diferentes epítetos poden obedecer á localización do poboado que lles dá culto, pero a deidade parece ser sempre a mesma.

Segundo o P. Fita, citado por Cuevillas, en gaélico “bandia” é deusa. Este mesmo autor falaba da posibilidade do carácter andróxino de Bandua, de aí a eterna discusión sobre se era deus ou deusa, segundo se desprende da lectura dun ou doutro epígrafe. Finalmente, o “Lunus-luna” trae ao recordo as pasaxes de Estrabón en Xeografía III,16, cando di que…

“Algúns din que os calaicos non teñen deuses, e que os celtíberos e os seus veciños do norte fan sacrificios a un deus innominado nas noites dos plenilunios, diante das portas, e que con toda a familia danzan e velan ata o abrente”.

© F. González Iglesias. Maio 2023.

Fotografía de Nieves Amado Rolán publicada pola propia autora nunha rede social (Facebook) a principios de 2017. A ara acababa de ser retirada do lugar que ocupaba no xardín do pazo de Eiras.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario