VI. Frisos castrexos, serpes, relacións e datacións

Unha das facetas máis interesantes da Arqueoloxía e da Historia da Arte é a de buscar paralelismos, similitudes ou copias en todo tipo de artefactos (cerámicas, armas…) e en motivos decorativos ou artísticos, moi especialmente cando son froito de certa elaboración ou complicación. Tal acontece co fragmento de friso en granito atopado en San Cibrao das Las, Lambrica.

O fragmento de friso de Lambrica, pouco dado a ver, coñecémolo por unha publicación de B. PÉREZ OUTEIRIÑO nunha desafortunada lámina publicada en Portugal en 1987 na revista Lucerna (Segunda Série, Vol. II, Porto 1987, páxina 37) acompañando a unha reprodución da ara de Eiras claramente retocada pra que se lera “lansbrica“.

Parece que o fragmento de friso foi atopado nunhas escavacións en Lámbrica cara a 1982 e que se gardou no Museo Arqueolóxico de Ourense, que leva pechado décadas. Entre decembro de 2022 e xaneiro de 2023 pudemos velo nunha exposición en Ourense.

CALO LOURIDO, na súa “A Plástica da Cultura Castrexa galego-portuguesa” (1994), no volume 1 e na páxina 443, mostra tamén fotografía deste fragmento de friso de San Cibrao das Las, Lámbrica, describíndoo do xeito seguinte:

Lonxitude: 32 cms.; Ancho: 27 cms.; Fondo: 8 cms.

Nunha placa granítica crebada, que orixinariamente presentaría unha forma rectangular, aparecen dous “SS” contrapostos. O motivo, conseguido por unha profunda incisión entre dous toros paralelos, continuaba ao longo da pedra.

Por un dos lados maiores corre un listel ou rebaixe lonxitudinal.

A execución foi moi mala, así como a conservación. Foi atopada na campaña de 1982.”

CALO LOURIDO: “A Plástica da Cultura Castrexa…” (1994).

Do deseño dese fragmento de friso atopamos dous claros paralelismos: un máis preto, en Amoeiro, e outro algo máis alonxado de Lambrica, en Guimarães.

Moi cerca de Lambrica, no concello de Amoeiro, colocaron no frontispicio da capela do Formigueiro un relevo de tamaño aceptable, aínda que pode tratarse tamén dun fragmento. O relevo do Formigueiro ten tres faixas de decoración.

Chama a atención a faixa inferior, con cabaliños, un deles soportando un xinete que parece conducir a toda a manada de animais. Pero a faixa que nos interesa agora é a central, con delicada e ben traballada labra, onde vemos unha sucesión de “SS enfrontados” moi parecidos aos do fragmento de Lámbrica, aínda que trazados con mellor precisión.

De Castromao, cerca de Celanova, procede outro fragmento de posible friso que reproduce o mesmo motivo dos “SS”, pero traballados de xeito menos esquemático, gañando naturalismo.

Poderían representar serpes encadeadas que “morden” nunha especie de cunca ou flor? Provirá deste motivo a lenda da serpe que tiña unha flor na boca en Lambrica?

“N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca”.

CUEVILLAS e BOUZA BREY:”Os Oestrimnios…” (1929).

Seguindo na Galiza, tamén podemos ver na capela de San Lourenzo de Fondo de Vila, en Xunqueira de Ambía, unha pedra reaproveitada co mesmo motivo, posiblemente procedente dun castro que hai alí cerca da ermida.

En Portugal podemos ver o motivo dos “SS enfrontados” en máis dunha ocasión. Na fotografía reprodúcese a imaxe dunha peza procedente da citania de Briteiros, que se pode ver no Museo Martíns Sarmento en Guimarães.

Outro friso, tamén cerca de Braga, co mesmo deseño, procede do castro de Lanhoso, que coñecemos tamén por CALO LOURIDO:

“O tema decorativo, semellante ós de pezas de Vermoim, ó da “Pedra Formosa”, etc. consiste en dous baquetóns lisos e paralelos que van conformando unha sucesión de “SS” enfrontados e xunguidos entre si por medio duns remates en punta de frecha.”

CALO LOURIDO F.: “A Plástica da Cultura Castrexa...” (1994).

O mesmo CALO LOURIDO infórmanos do Castelo de Vermoim, no concello de Vila Nova de Famalicão, onde se documentou outra peza co mesmo deseño: unha pedra de case tres metros de lonxitude.

O motivo dos serpentiformes, ou “SS” enfrontados, transmite sensacións de orde e sucesión, simetría e alternancia, devir e cooperación. Poden responder a creacións culturais, filosóficas ou relixiosas nas que se sustentaría o poder dunha élite, en contacto con otros pobos máis alonxados que utilizarían esas mesmas, ou parecidas, creacións pra soster e xustificar o poder no seu territorio.

Estes motivos, que CALO LOURIDO chama “castrexos” proceden da Idade do Ferro, entre os séculos VIII ou VII antes de Xesucristo e a romanización no noroeste da península ibérica.

O reaproveitamento e conservación destas pezas nalgunhas capelas parece obedecer ás implicacións relixiosas que deberon ter estas manifestacións artísticas na Idade do Ferro, quedando así “cristianizadas” para a posteridade.

A repetición en puntos xeográficos alonxados dun mesmo motivo decorativo de complicada elaboración fainos sospeitar de relacións de longo alcance de Lámbrica con outros castros e citanias, algunhas delas no país veciño. A difusión de ideas, modas e motivos artísticos pode obedecer a causas múltiples, que aínda non se coñecen, pero as evidencias dinnos que algún tipo de relación tivo que haber.

As citanias portuguesas non son datadas “a partir do século I a. C.” como fan a cotío moitos arqueólogos coa citania de Lambrica, que eles chaman *lansbrica.

As citanias son da Idade do Ferro, sempre anteriores á chegada dos romanos, aínda que en moitas delas a poboación puido -con pactos ou con dominación- continuar vivindo baixo o poder romano, como parece ocurrir en Lambrica.

Os romanos, ao igual que moitos arqueólogos actuais, non entenderon ás culturas prerromanas do noroeste da península ibérica, por iso decaen este tipo de labras, aínda que algunha poidera subsistir nalgunha construción romana.

Os romanos non se preocuparon por tratar de entender as complicacións artísticas dos pobos do noroeste. Só buscaban medrar en riqueza e poder, aínda que fose asoballando a aqueles pouco coñecidos pobos que fixeron estas fermosas obras de arte.

Estes motivos artísticos que se repiten en espazos xeográficos lonxanos fannos pensar nunha poboación xa notable algúns séculos antes da romanización. Se Lámbrica e Briteiros, por exemplo, tiveron relacións pra compartir motivos artísticos propios da Idade do Ferro, tivo que ser antes da chegada dos romanos, pois estes impedirían toda manifestación artística anterior. Ademais, a conquista romana non deixaría tempo libre pra labrar estes motivos nas pedras.

As datacións de Lambrica, ou Lámbrica, habería entón que revisalas.

© F. González Iglesias. Maio 2023.

Bibliografía

CALO LOURIDO F.: A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa (2 vol.). Fund. Barrié de la Maza. A Coruña. 1994.

CUEVILLAS, F. e BOUZA BREY, F.: Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza. Seminario de Estudos Galegos. Páx. 145. Ed. Nós. A Coruña, 1929.

PÉREZ OUTEIRIÑO, B.: “A Cidade de San Cibrán de Las. Objectivos e resultados das últimas intervencións arqueológicas (1981-1983)” en Lucerna. Vol. II. Páginas 15 a 40. Centro de Estudos Humanísticos. Porto (Portugal), 1987.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario