I. Lambrica, a citania entre San Cibrao das Las e Ourantes

A citania de Lambrica, Lámbrica, reconstruída posiblemente entre finais da Idade do Ferro e a época romana, mantén a planificación indíxena e constitúe o paradigma do poboamento que poderiamos chamar protourbano, na denominada época castrexa do noroeste peninsular.

Posúe unha chamativa planificación das súas defensas e unha coidada distribución das súas vivendas e obradoiros. Ten forma ovalada, cun recinto central e outro concéntrico ou anular e rúas radiais. As súas orixes, coma outras grandes citanias do noroeste peninsular, hai que buscalas cara os séculos VI ou V antes de Xesucristo.

Por razóns descoñecidas, o poboamento en Lámbrica continuou con certo auxe despois da campaña de Xuño Bruto, a partir do ano 137 antes de Xesucristo, ben sexa por chegar a acordos ou ben por quedar sometida ao poder romanizador. A explotación da contorna, onde había minerais de estaño e ouro, pode explicar, en principio, o interese dos invasores por manter en pé a citania.

En canto ao topónimo Lámbrica, ignorado ata o momento por innumerables problemas nas lecturas dunha inscrición, percíbese claramente que é unha palabra composta de dous termos: Lam- e -brica.

Lam” , que soaría, posiblemente, como algo parecido a [tʃan], podería facer alusión a lugares chans, derivando posteriormente en topónimos como Chao ou Chaira, este último presente aínda hoxe na ladeira occidental do monte onde se atopa a citania de San Cibrao das Las e Ourantes.

As palabras rematadas en -briga son anteriores á dominación romana na península ibérica, é dicir, proceden da Idade do Ferro. O sufixo céltico -briga, ou -brica, é ben coñecido e significa fortaleza ou fortificación, normalmente situadas en lugares altos por razóns obvias de visibilidade, defensa ou manifestación de fortaleza.

En consecuencia, Lambrica -ou Lambriga– tería o significado de “Cidade Forte de Lam.”

O topónimo Lambrica describe á perfección características orográficas e humanas da citania de San Cibrao das Las e Ourantes. A característica orográfica é a disposición nunha discreta altura, pero máis ou menos chaira. A característica humana é a fortificación, arrodeando de murallas un outeiro coa finalidade de defensa ou de control militar da contorna.

A palabra Lambrica adquire, entón, pleno sentido: “A Cidade Forte da Chaira” ou “A Cidade Forte dos Chaos”.

Existe un documento epigráfico da época romana no que se reproduce o topónimo Lambrica, unha inscrición nunha ara adicada a Bandua, posterior ao século I despois de Cristo, que se conservou dende hai séculos ata hai ben pouco tempo no xardín do pazo de Eiras, sostendo unha mesa de pedra que tiña unha bancada de cantería arredor.

A ara foi retirada dese lugar a finais de 2016, descoñecéndose, a día de hoxe, o seu paradoiro.

© F. González Iglesias, 2021.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario