XVII. Luís Tizón e a Casa Grande de Eiras

O 24 de agosto de 1920, día de San Bertolameu e festa na parroquia, saía para Cuba un veciño de Eiras, Luís Tizón, que nunca máis voltará á súa aldea.

A “Danza dos Millóns” , o éxito de moitos dos que marcharan anteriormente e a miseria que reinaba no país animaron a este veciño da Casa Grande de Eiras a emigrar.

Alí, en Cuba, formou a súa familia e, andando o tempo, o escritor cubano EMILIO COMAS PARET, casualmente a parexa dunha filla de Luís, conseguirá debullar a historia vital do vello nunha noveliña titulada Da vendima á Zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba.

Unha historia curiosa e persoal, pero paralela á de moitos emigrantes anónimos da terra, especialmente daqueles que, por circunstancias da vida, se viron impedidos a voltar.

Na introdución, o novelista fálanos de como fixo pra arrincarlle os datos da súa vida ao vello Tizón, nado na Casa Grande, onde había unha enorme carballa “que non podían abrazar nin tres homes xuntando as súas mans.”

Curiosamente, non fala da ara de Bandua, que algún dos seus ancestros puxera no xardín do pazo baixo unha enorme lousa de pedra que facía de mesa. Tampouco nomea o impoñente cruceiro, con dous chanzos, longo varal e grandes volutas no capitel, que había ao lado da porta do pazo, xunto á Carballa. Este cruceiro, que Luís tivo que ver centos de veces, aínda se mantiña en pé na década dos sesenta do século XX, desaparecendo misteriosamente poucos anos despois.

En 1987 COMAS PARET visitou Galiza e chegou ata Eiras. As noticias que lle levou de volta ao vello, “agradables unhas e desagradables outras” , xunto cunhas fotos da aldea, da Casa Grande, da Carballa e do hórreo (alí chamados cabaceiros), animaron ao vello señor Luís a contar a súa historia. Así naceu o relato.

Estamos afeitos a escoitar e ler historias de pazos, maiorazgos, fidalgos, xenealoxías, brasóns, foros, pleitos, executorias e misas. Pero a cotío esquecemos que nesas familias fidalgas non todo é grandilocuencia nin fartura, especialmente ao longo do século XIX, cando se foi cuestionando a sociedade estamental cos seus privilexios herdados.

Esta é a historia dun Tizón traballador, aínda que fose descendente de fidalgos, obrigado polas circunstancias e as necesidades da vida e do seu tempo.

O pazo, a Casa Grande, estaba naquela época dividido. Os seus habitantes procuraban vivir como podían do seu traballo, como os demais da aldea, alleos a xenealoxías, brasóns, e santos de pedra que adornaban as fachadas das súas casas.

Avelino Tizón foi outro emigrante da Casa Grande, pero este dirixiuse á Arxentina, onde debían estar máis parentes, entre eles o pai do propio Luís.

Don Avelino fixo fortuna e, algúns anos despois da partida de Luís, reunificará a maior parte do pazo para facer unha reforma moi sonada que levará a Ángel del Castillo a describir así a Casa Grande:

Destrozado su típico aspecto por modernas y desgraciadas construcciones, todavía conserva los dos edificios antiguos o cuerpos que lo forman, entre los cuales va la escalera principal de acceso; tiene una buena solana de balaustres sobre algunos arcos de medio punto, así como su portalada con almenas. Se tiene por fundado en 1600 por Juan Vázquez de Castro.”

(DEL CASTILLO: Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia)

Eiras nos inicios do século XX

De seguido, grazas a uns cantos parágrafos extraídos literalmente das primeiras páxinas da obra de COMAS PARET, podemos achegarnos a visionar algo da aldea de Eiras nas primeiras décadas do século XX. Unha verdadeira fonte oral transmitida por Luís Tizón e recollida polo novelista. Son os recordos de cando Luís tiña catorce ou quince anos:

“Naquela época a miña casa era Galicia e eu era campesiño. Da miña infancia teño pouco que contar. Non ricos, pero tampouco pobres de pasar fame.

Noutros séculos a miña familia, aínda que non foron condes nin marqueses, si deberon ter propiedades e algún mando, porque viviamos nunha boa vivenda, a Casa Grande lle dicían, e era como un castelo pero pequeno e con moitos anos. Había ata escudo da familia no frontal da casa e un santo, creo que un San Roque e un Sagrado Corazón, todo feito na mesma pedra na fronte da casa.


Eiras era unha aldea pequena chea de mofo e humidade, de rúas estreitas, lamacentas, moi escuras pola noite, e tiña cinco igrexas e cento cincuenta habitantes.


Nunha soa tenda de víveres que lle chamaban O Adrio e era do meu tío don Emilio, podíanse mercar patacas, garavanzos, fabas, touciño, algún xamón da Cañiza, o mellor de todos, e viño branco do Ribeiro.


A miña familia tiña unha boa posición e algunhas terras. No “castelo” viviamos todos.


Eiras tiña cinco barrios e era o centro daquilo. Pertencía ao partido xudicial do Carballiño. A pesar de que chovía arreo e estaba sempre cuberta de brumas, celebrábanse moitas festas. Recordo que viñan músicos de Beade e tocaban moi ben, cantaban airiños e muiñeiras e bailábase a xota galega.


O día do patrono, Santo Antonio de Padua, era o 13 de xuño e celebrábase cunha gran festa, onde vendían chulas e pan centeo, e os curas medalliñas e escapularios. En maio era a festa das Flores, e logo a das Fillas de María e o 24 de agosto a de San Bertomeu.

Traballo non había moito, pero as festas sobraban. A máis grande duraba dous días e bebíase viño en grandes cantidades, e ata xenebra. Iso era no verán, porque no inverno non había quen aguantase o frío e o orballo persistentes.


A aldea parecía un cemiterio probe á luz da lúa. As noites eran moi escuras, aburridas e só servían para conversar, oír e contar mentiras e que se fixesen contos para meter medo, contos de lobos, de fantasmas, de trasnos que aparecían á media noite e meigas que saían en lúa chea para facer os seus encantamentos (…)


En Eiras as rúas eran de terra e algunha laxe. Como en toda Galicia o verdín cubría as paredes das casas. Cando chovía, o lamazal que se facía era tremendo. Había que saír da casa con zapatos de madeira, deses que lle chaman zocos, para vadear a lama. Nas rúas plantábanse vides, que logo se cruzaban por enriba e facían como un teito. Era moi bonito e daba sombra e uvas. Alí a propiedade é moi respectada e de fronte á túa casa non había quen cortase un acio (…)


Iamos a Ourense vender viño e augardente. Había cinco leguas e eran dous días de camiño nun carro de bois. Pero as autoridades non deixaban fabricar a augardente e había que levala clandestina. Por iso enchoupábamos ben de viño o tapón do barril de augardente e así pasabamos a revisión da Garda Civil. Cando destapaban o barril de augardente, o tapón ulía a viño. Nunca nos colleron (…)


Papá liquidou o capital da familia. Foise para Arxentina e, en vez de buscar máis diñeiro, hipotecou as terras que tiñamos. Ata a casa familiar, a Casa Grande de Eiras, como lle chamaban, perdeuse tamén (…)


O 24 de agosto de 1920 saímos para A Coruña. A viaxe fixémola en tren. Era a primeira vez que montaba nun tren. Sentín unha cousa estrana por aquí, pola barriga, porque era campesiño, do interior, e vía pasar as cousas e as árbores coma se fosen correndo, e ao principio quedaba mirando a ver se chocaban, pero nunca chocaron. Vira o tren pero non subira nel. Collémolo nun lugar chamado Barbantes, que quedaba como a unha legua da casa. Había unha estación de ferrocarril e moitos almacéns.”


Bibliografía

ÁNGEL DEL CASTILLO: Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña. 1987.

EMILIO COMAS PARET: Da vendima á zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba. Trad. X. M. García Crego e G. Luca de Tena. ISBN: 978-84-7824-539-0. Edicións Sotelo Blanco. Compostela. 2007.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario