X. O anel de Lambrica

Na páxina 13 do Boletín da Real Academia Galega número 169 (A Coruña, 1 de marzo de 1925) aparece unha curiosa ilustración, un debuxo de FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS. O artigo no que se inserta titúlase A citania do monte “A Cidade” en San Ciprián das Las (Concrusión). Ocupa dende a páxina 7 á 13, e nel danse referencias dalgúns achados na citania de San Cibrao das Las, a Cidade de Lambrica, case todos cerámicos e algunha moeda, realizados nas escavacións daquela época.

Segundo Cuevillas, na páxina 11, o debuxo corresponde a unha pedra de anel, unha “cornalina oval de 11 por 7 milímetros”, que ten gravada

fondamente a figura d’un cuadrúpedo d’identificación pouco doada no que cicais se poda recoñecer a un cáprido”.

Tamén nos di que nun xacemento portugués foi achada unha pedra de anel semellante, aludindo a un debuxo que publicara Vasconcellos en 1917 en Coisas Velhas.

Comparación entre os debuxos de L. de Vasconcellos (Coisas Velhas, “O Archeologo Portugués”, t. XXII, 1917, páx. 145) e o debuxo de Cuevillas, publicado no Boletín da Real Academia Gallega, n. 169, marzo de 1925, páxina 13.

O debuxo de Vasconcellos que cita Cuevillas é claramente un cáprido, pero o de Lámbrica ofrece dúbida porque o fuciño é demasiado longo.

O animal do anel de Lámbrica pisa na auga, ten porte de bóvido, orellas longas e cornos. Ademais de cun cáprido, pode presentar similitudes cun cabalo, cun cánido ou, simplemente, ser algún animal fantástico.

O que parece verse claramente é que o cuadrúpedo do anel de Lámbrica intenta atravesar (ou dirixirse a) un lugar con auga, lagoa ou río, pois na base da pata dianteira parece representarse unha superficie acuática e a postura da pata traseira, excesivamente erguida para dar un paso, é a normal dos cuadrúpedos cando andan pola auga, xa que lles facilita o desprazamento.

O tema da auga fai recordar ao paso ao Máis Alá, presentando, de tratarse dun cáprido, unha posible referencia á deusa Ataecina, divindade da Lusitania que ten como animal representativo unha cabra. Ataecina era unha deusa do inframundo, das augas profundas, pero tamén se asocia co renacemento da vida, coa primavera e coa Lúa.

Interpretación do Urco por Dende (lic. Creative Commons, procedente da Wikipedia)

Algunhas fontes en Galicia e Asturias falan do Urco ou Can do Urco. Cóntase que era un can moi grande, con orellas longas e cornos, que vivía na auga, nas beiras dos ríos ou no mar.

M. ALBERRO dinos do Urco que é

un animal fantástico que suele aparecer en forma de un enorme perro negro, y cuya presencia es de muy mal agüero”.

Aínda que o localiza no río Lérez, tamén afirma que é coñecido en Asturias co mesmo nome e características. Continúa decindo o propio Alberro que a figura sobrenatural do Urco está presente en varias rexións célticas, como na Bretaña francesa, Irlanda, Gales ou Escocia. Neste último recibe o nome de “perro de las hadas”, definíndose como un

perro gigantesco del tamaño de un novillo”.

Represente ao Urco ou a Ataecina, o anel de Lambrica indica perfectamente un paso cara un curso de auga, o que pode facer alusión á morte ou á busca da vida -curación ou renacemento- inquietudes presentes en todas as sociedades humanas.

É indiscutible que o deseño do cuadrúpedo de Lambrica (cáprido, cabalo, can ou Urco) é unha obra de arte dos primeiros poboadores organizados dos actuais concellos de San Amaro, Punxín e Cenlle, que tiveron a súa capitalidade na Citania de Lámbrica, un dos poboados prerromanos maiores e máis completos que podemos ver aínda hoxe na Galiza, refeito nos inicios da romanización.

O deseño incontestablemente artístico da cornalina fai pensar en personaxes de certa condición. O seu posuidor seguramente pertenceu a un estrato social superior entre as súas xentes.

As élites dominantes só teñen sentido en amplos espazos territoriais para así poder acumular a riqueza suficiente que dé lugar á necesaria diferenciación social, o que lles permite seguir exercendo o poder.

O anel parece reproducir algún elemento relacionado co “Máis Alá”, e as ideas relixiosas sempre foron utilizadas polas élites pra impoñer medo e someter.

O anel que contivo a pedra de cornalina que describe Cuevillas podería tratarse dun selo utilizado en moitos pobos antigos para darlle autenticidade a documentos ou mercadorías, o que nos estaría a falar dunha vida administrativa esperada nun xacemento do calibre da citania de Lambrica, da que sospeitamos relacións comerciais a través da ruta do Miño cara o Atlántico.

ESTRABÓN, un xeógrafo grego, dinos que na desembocadura do Miño, que chamaban Bainis, había unha illa con dous peiraos, o que suxire actividade comercial nun lugar de unión de vías fluviais e marítimas. Tamén nos di que o Miño era “navegable uns oitocentos estadios”, sendo o estadio unha unidade de medida equivalente a uns 180 metros. Polo tanto, a navegabilidade ata a Barca, hoxe Barbantes-Estación, era posible e… cando se navega, lévanse e tráense cousas. Dende a ribeira do Miño, un camiño terrestre conducía directamente a Lambrica ou Lámbrica.

Aínda máis complicado sería procurarlle un significado local ao deseño da cornalina do anel de Cuevillas, que ben seguro que o tiña. Comparamos a figura invertida da súa impronta, supoñendo que se trate dun selo, co perfil topográfico daquel lugar de Norte a Sur, pasando pola cima da citania de Lámbrica e polo cumio do Santrocado (O Coto). Ambos lugares eran -aínda son- os máis elevados nunha contorna con castros máis pequenos diseminados.

Non debe desbotarse, en principio, a hipótese de que no anel apareceran representadas orograficamente as elevacións de Lámbrica e do Santrocado, pois son bastantes as coincidencias coa representación na cornalina.

Ambos lugares, Lambrica e Santrocado, tiveron que formar parte da mesma entidade política, pois de non ser así estaría moi comprometida a defensa meridional da citania de Lámbrica.

Pra completar as suposicións, dicir que a superficie da auga que pisa a pata dianteira do animal do selo podería coincidor co río Miño ou coas augas salutíferas de Laias, que abroian a rentes do Santrocado.

Non parece máxico? Pois, agora… a ver se aparece a cornalina!

© F. González Iglesias. Maio de 2023.

Bibliografía

ALBERRO M.: Diccionario Mitológico y Folklórico Céltico. Desde Galicia a las Islas Shetland, pasando por Bretaña, Irlanda, Isla de Man, Cornualles, Gales, Escocia y las Islas Orkney. Briga Edicións. Betanzos. 2004.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.:  “A citania do monte ´A Cidade´ en San Ciprián das Las (Concrusión)”. Boletín de la Real Academia Gallega. Año XX. Núm. 169. Páx. 7 a 13. Roel. A Coruña. 1 de marzo de 1925.

J. LEITE DE VASCONCELLOS: Coisas Velhas, “O Archeologo Portugués”, t. XXII, 1917.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario