Táboa
1. O Castelo de Laias
2. Lambrica, O Santrocado, A Barca e O Castelo de Laias
3. Laias, Lambrica, a agricultura e a autovía
4. O templo do Castelo de Laias
No famoso relato do Cronicón de Hidacio dise que no ano 469 pescáronse no río Miño, a unhas cinco millas do municipio de Lais, catro peixes de aspecto e figura nunca vistos que presentaban signos consistentes…
“en letras hebraicas y griegas, números latinos de eras, en esta forma CCCLXV, y un círculo con los meses del año, a igual distancia unos de otros. No lejos de dicho municipio, cayeron del cielo cierta especie de granos, a manera de lentejas, muy verdes, como la hierba, y sumamente amargos; y observáronse además muchos otros portentos que sería prolijo mencionar.”
Polo momento, non existe acordo unánime sobre a ubicación xeográfica precisa deste evento.

Formación granítica no Castelo de Laias
O Castelo de Laias denomínase na bibliografía de mediados do século XX como “Barbantes” , tentando referirse a unha parroquia de recente creación, inmediata á de Laias, chamada en realidade “Barbantes-Estación.”
Tradicionalmente foi o lugar de ‘A Barca‘ porque alí funcionaba, ata ben entrado o século XX, unha barca que servía para transportar persoas, enseres e gando entre as dúas beiras do río Miño. O lugarciño “modernizouse” entre finais do século XIX e principios do XX, adquirindo notoriedade por ter unha estación de ferrocarril. Aí debeu xurdir a necesidade de segregarse como parroquia. Anteriormente A Barca pertencía á feligresía de Santa Baia de Laias.
Tamén hai que ter en conta que existe outra vella parroquia chamada de Santiago de Barbantes, na ribeira dereita do río Barbantiño, que non ten nada que ver nin con “Barbantes-Estación” nin co xacemento do Castelo de Laias.

Reconstrución das porta de Laias na citania de Lambrica, San Cibrao das Las
1. O Castelo de Laias
O xacemento do Castelo está no monte no que son colindantes actualmente as parroquias de Barbantes-Estación e de Laias, case inmediato ao porto fluvial da Barca de Barbantes, porto que estaba á súa vez unido a Lambrica por unha antiga calzada, monte arriba polo Santrocado, pasando por Ourantes e chegando ás mesmas portas da citania de San Cibrao das Las e Ourantes.
Situado a uns 2,6 quilómetros ó sueste da citania de Lambrica, e a menos dun quilómetro e medio, aproximadamente, do castro do Santrocado, o Castelo de Laias xa foi estudado por Cuevillas, Xaquín Lourenzo e Chamoso Lamas. CHAMOSO LAMAS en 1956 relaciónao coa minería do ouro, aínda que tamén foron posibles actividades mineiras de extracción de casiterita, un mineral de estaño (SnO2) presente naquela contorna. Estas extraccións poden ser anteriores á Idade de Ferro. O estaño é fundamental pra obter bronce, polo que poderiamos consideralo un metal estratéxico na Idade do Bronce, ata os séculos XI ou X antes de Cristo.
ÁLVAREZ GONZÁLEZ e LÓPEZ GONZÁLEZ dinnos que o poboado de Laias, con cabanas adaptadas ás rochas e teitos de elementos perecedeiros, xeograficamente…
“ocupa un promontorio formado por afloramientos graníticos que caen en forma abrupta hacia la ribera derecha del río Miño. Tiene una orientación general N-SE y una altitud máxima de 240 m. s. n. m. Su localización, en una altura dominante sobre la vega, le proporciona a esta elevación granítica una gran visibilidad sobre el territorio que comprende un amplio tramo de la cuenca media del Miño, zona abundante en recursos agrícolas y también mineros, ya que existen yacimientos auríferos explotados en época romana en las inmediaciones.”
“(…) la gran extensión de estos restos conforma un único núcleo de población de dimensiones considerables que nos lleva a reflexionar sobre el famoso municipio que el obispo Idacio destaca en su relato del Cronicón.”
ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Y.; LÓPEZ GONZÁLEZ, F.: “La secuencia cultural del asentamiento de Laias: evolución espacial y funcional del poblado” en 3º Congresso de Arqueologia Peninsular. 2000.
Continúan dicindo que se detectan no Castelo varias fases de ocupación…
“comenzando por los restos de un poblado más antiguo de final de la Edad del Bronce, la ocupación del poblado durante la I y II Edad del Hierro y finalmente un poblamiento residual en época romana” (…)


Muros no Castelo de Laias
ÁLVAREZ GONZÁLEZ e LÓPEZ GONZÁLEZ outórganlle ao asentamento do Castelo de Laias unhas dimensións superiores ás 10 hectáreas, dividíndoo en tres zonas:
a) Unha máis alta, delimitada “por una muralla de mampostería helicoidal, lo que le da un aspecto de recinto castreño, casi circular y mejor delimitado que el resto de los sectores, en cuyo interior se ha descubierto la existencia de una zona de almacenamiento formada por silos de cereal.”
b) A “zona de media ladera” na que “se conservan restos de piletas, hoyos, escaleras, canales y depósitos tallados en la roca.”
c) A zona baixa, que chega ata a beira do Miño, na que se documentaron materiais romanos nas fincas de cultivo. Na beira do río existe tamén un manancial de augas termais, onde hoxe está un coñecido balneario.
É destacable a aparición de silos no recinto amurallado superior do Castelo de Laias. Os silos presentan unha…
“estructura rectangular con unas medidas que, aunque oscilan, tienen una media de 1-1,5 m. Tienen el suelo muy protegido a base de una primera capa de entramado vegetal revestido de una arcilla muy decantada sobre el que colocan tablas de madera o corteza de alcornoque. Las paredes se construyen también a base de elementos vegetales trenzados y recubiertos de arcilla.”
(ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Y.; LÓPEZ GONZÁLEZ, F.: “La secuencia cultural …”)
Ademais, víronse neste recinto superior, no que non se documentaron vivendas, catro construcións circulares dispersas que se relacionaron tamén co almacenamento.
Destacan as datas absolutas que se deron deste poboado do Castelo de Laias, que veñen dende o século IX antes de Cristo e chegan ata o século I d. C… Un milleiro de anos!
Entre os materiais que apareceron nas escavacións previas á destrución (pola construción da autovía) destaca abundante cerámica, pesas de cantos (da artesanía téxtil, posiblemente), muíños de granito e útiles líticos relacionados co tratamento do coiro.
Conclúen os autores catalogando o poboado como un centro produtor. Poderiamos engadir que, ademais de ser un centro produtor, seguramente mineiro, trataríase sen dúbidas dun lugar de almacenamento dos recursos agrarios da vertente sur do Santrocado e da ribeira do Miño.
Faltaría relacionar este poboamento do Castelo co castro do cumio do Santrocado (550 m. sobre o nivel do mar) e coa Citania de Lámbrica, inmediata á ladeira norte do Santrocado, a 460 metros s. n. m. Istes tres importantes conxuntos (o Castelo, o Santrocado e Lámbrica) forman parte dun único territorio ao que as xentes de todos os tempos se foron adaptando.
Podemos negarlle ao Castelo relacións con Lambrica e cos outros xacementos coetáneos da contorna?

2. Lambrica, O Santrocado, A Barca e O Castelo de Laias
A ubicación e o tamaño da citania de San Cibrao das Las, ou Lambrica, adquire moito máis sentido cando pensamos nas explotacións mineiras de estaño e de ouro na súa contorna, tanto na máis inmediata, nas abas do monte de Santrocado, incluíndo as areas auríferas da ribeira do Miño, como na máis alonxada (o Puzo do Lago en Maside, os montes de Loureiro en Irixo ou as terras de Lobás no Carballiño). Destas dúas últimas tamén puideron extraer mineral de ferro, moi presente nas escouras que aparecen con frecuencia nas escavacións en Lámbrica.
As evidencias de poboación dende o propio Paleolítico, pasando pola Idade do Bronce (mámoas e petroglifos) ata as Idades do Ferro e a romanización, móstransenos por toda a contorna: mámoas en Ourantes, Las e Eiras, petroglifos en Eiras, castros (ademais dos xa citados das Las e Santrocado) de castro Martiño, Ourantes ou Beariz, a fonte romana de Razamonde, a ara de Eiras, a vila romana na mesma parroquia…
Os castros que arrodean a citania de Las, a posible Lambrica, se nos atemos á inscrición da ara romana de Eiras, formarían parte dun territorio ao que os habitantes da citania procurarían controlar para poder posuír e administrar os seus recursos económicos, agrarios, gandeiros e mineiros.
O que hoxe coñecemos da citania de Lambrica non sería máis que un episodio temporal no que as xentes daquela contorna, que vivían alí dende o Paleolítico, sentiron a necesidade de fortificar a Cidade, pero a vida, naquel e en todos os tempos, tamén existiu fóra dos muros da Citania de San Cibrao das Las e Ourantes.

Restos de traballos mineiros no Castelo de Laias
A extracción, tratamento e comercialización dos minerais ou dos produtos metálicos elaborados, estaría controlada por unha élite dominante, como pasa case sempre, e o centro administrativo desa vida económica situaríase en Lambrica, explicándose así o seu maior tamaño e a súa ubicación estratéxica, non moi alonxada das beiras do río Miño, vía de comunicación fluvial da que nos informa Estrabón.
Lambrica, a citania de San Cibrao das Las, ostenta características de agrupamento de poboación, o que poderiamos chamar unha protocidade, onde as elites dirixentes administrarían os recursos territoriais. Canto maiores sexan eses recursos, maior será a capacidade de crecemento da cidade. Podemos aventurar o control sobre as actividades económicas dos arredores, moi especialmente da minaría (documentada xa por Cuevillas e Chamoso Lamas nas abas do Santrocado) e da agricultura.
Ao Sur de Lambrica, moi, moi cerquiña, está o monte do Santrocado, desde onde se podería ter un control case total de toda a contorna, existindo alí tamén un pequeno castro. O cumio do monte do Santrocado forma un nexo de unión entre todos os poboamentos que foron establecéndose ao longo dos tempos naquelas terras.

Mapa con base de Google Earth. Obsérvese a cercanía ao río Miño e a dispersión territorial
Os poboados de maior entidade son a propia citania de Lambrica e o Castelo de Laias, formando co pequeno castro do Santrocado (a máxima altitude desa contorna) os tres vértices dun triángulo de 0,9 quilómetros cadrados.
Non se pode negar a relación que os habitantes dos arredores do Santrocado mantiveron entre si dende tempos moi antigos. Seguramente por iso as catro parroquias hoxe inmediatas ao Coto senten o monte Santrocado como seu, e aínda subían ata a cima aínda non hai moitos anos no día da romería, o 15 de maio, posiblemente rememorando antigas reunións de culto que foron habilmente cristianizadas.
Nos anos noventa do século XX, os traballos da autovía A-52 foron “a todo gas“, promovidos polo Estado español e a Xunta de Don Manuel. Destruíron un xacemento que agora dise que seica era máis antigo e de maior superficie que a propia citania de San Cibrao das Las.
O Castelo das Laias foi case totalmente destruído por unha obra pública, desaparecendo para sempre moitas posibilidades de estudo sobre a vida cotiá dos nosos devanceiros nunha terra que tivo unha das maiores fortificacións castrexas do noroeste, Lambrica, Lámbrica, ou San Cibrao das Las, a menos de 3 quilómetros, escondida estratexicamente tralo cumio do Santrocado.
As obras públicas fanse con posterioridade a estudos arqueolóxicos, pero estes parecen dominados polo poder político, segundo podemos advertir polo desenvolvemento dos acontecementos. Anos máis tarde, o persoal cualificado decatarase da importancia do poboado do Castelo das Laias, publicarán artigos e, mesmo, promoverán a reconstrución das ‘portas de Laias‘ nas instalacións do “parque arqueolóxico” de San Cibrao das Las.

3. Laias, Lambrica, a agricultura e a autovía
Sempre se deixa de lado a manutención dos continxentes de poboación que vivían intramuros no alto dunha citania. É normal supor que os cultivos -especialmente os hortícolas e os de cereais- serían nas terras chairas e baixas, con maior disposición de mananciais para o regadío, maior facilidade para o labor e mellores recursos edáficos. Non é posible que os cultivos se realizasen no alto da citania, onde non habería pouco máis que certas actividades pecuarias con animais de pequeno porte. Calquera que visite un castro pode apreciar que a capacidade da maioría das construcións faría incómodo o coidado de equinos e de bovinos.
Nun PDF publicado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, titulado “Semillas. Castro de Trelle”, fálase da agricultura no noroeste, particularmente nalgúns castros ourensáns.
Destacar que, cara a fin do texto, cítase ao desaparecido castro de Laias como un nos que se teñen documentada a chegada “á fase de acumulación de excedentes, superando a de autoconsumo”. Os excedentes son xestionados por grupos sociais privilexiados, contribuíndo a aumentar a diferenciación social.
Continúa a dicir o texto:
“En Laias aparecen fosas y estructuras complejas de almacenamiento (para Triticum aestivum spelta, Panicum miliaceum y Vicia faba) datadas en el Hierro II (o en la transición a la ocupación romana). Se trata de silos rectangulares de 1-1,5 m, con fondo de madera o corteza y paredes de vegetales trenzados, recubiertos de arcilla. Estas acumulaciones revelan una importante centralización de recursos, con redistribución en el territorio, con una estructura política, dirigida por una élite. Tiene sus paralelos en los poblados fortificados británicos e irlandeses (ej. en el yacimiento de Danebury). El castro fue destruido al realizar el trazado de la autovía A-52 en la década de los 90 del pasado siglo”
(V. Rodríguez Gracia. Outubro 2018)
A Segunda Idade do Ferro abarca, aproximadamente, dende o séculos VI ou V ata o III ou II antes de Xesucristo, aínda que, vistas as datacións máis antigas do Castelo, poderiamos concederlle unha antigüidade moito maior, ata o século IX antes de Xesucristo, o que nos levará ata finais da Idade do Bronce.
Os silos rectangulares de 1-1,5 metros atopados en Laias, con fondo de madeira ou cortiza e paredes de vexetais trenzados, recubertos de arxila… ben poderían ser os avós dos cabaceiros das nosas aldeas.

O Castelo de Laias. Traballos nunha peneda
A poboación de Lambrica, algo máis ao Norte de Laias, ten que obedecer tamén a unha acumulación de recursos requirindo igualmente dun amplo territorio cultivable pra atender as demandas alimenticias dos dous milleiros de persoas que puido albergar en certos momentos.
Non debe desbotarse a teoría de que, en certa ocasión, fose necesario desplazar o establecemento da protocidade ou urbe, centralizadora e administradora dos recursos do territorio, dende Laias ao monte da Chaira, entre San Cibrao das Las e Ourantes. Podería influír a necesidade de control de territorio cara o Norte (desde Laias non se pode controlar o Norte), onde se atopan os recursos mineiros do Puzo do Lago e dos montes de Lobás, no Carballiño.
Tamén debe terse en conta que as posibilidades defensivas de Lámbrica melloraron ao alonxarse discretamente da beira do río Miño, a mellor canle de comunicación naqueles tempos. Lambrica está “agochada” das miradas indiscretas de bandidos ou invasores que viaxaran polo Miño, ao que conduce unha vía terrestre. Aí é onde colle sentido o castro do Coto do Santrocado.

O Castelo de Laias
4. O templo do Castelo de Laias
Un dos aspectos máis curiosos das escavacións no Castelo de Laias (chamado Barbantes polos seus escavadores) é a presenza dun posible templo. Sobre el, CHAMOSO LAMAS publicaba en 1956:
“Ante algunos vestigios que afloraban en una zona contigua a los primeros tanques descubiertos y excavados, se procedió a su exploración, surgiendo una gran habitación o cámara excavada en la enorme roca.
Tenía 7,20 m. de largo por 3,80 de ancho y aparecía orientada de Norte a Sur. Destruida la mayor parte de sus paredes graníticas, era la del lado Norte la que conservaba mayor altura, y en ella aparecía tallada una media columna truncada a 1,08 m. de alto por la mutilación que aquella curiosa dependencia sufrió. En el centro y asentada sobre el pavimento de roca, se elevaba un pedestal de granito de 0,52 m. de alto por 0,30 m. en cada lado y muy cerca, caída, se halló una losa del mismo material perfectamente labrada y escuadrada de 0,51 m. y 0,13 m. de ancho, la cual, colocada sobre el pedestal, denunciaba ser esta su aplicación, formando así una especie de ara (lám. CXXXIV). ¿Sería esta dependencia emplazada en el centro y más favorable lugar de la explotación un templo? El ara al centro y la media columna adosada, que podía muy bien servir de basamento a una escultura o símbolo religioso cualquiera, permiten apuntar esta posibilidad que la excavación realizada y la falta de hallazgos más concretos no pudo hacer avanzar hacia una mayor seguridad”.
CHAMOSO LAMAS: “Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las …” en N. A. H. III y IV, páx. 122.
A mina da Moura. Laias
© F. González Iglesias. Maio 2023.
Bibliografía
ÁLVAREZ GONZÁLEZ, Y.; LÓPEZ GONZÁLEZ, F.: “La secuencia cultural del asentamiento de Laias: evolución espacial y funcional del poblado” en 3º Congresso de Arqueologia Peninsular. Actas. Vol. V. Proto-história da Península Ibérica. ADECAP. Porto. 2000.
CHAMOSO LAMAS. “Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibran das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)”. Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV. Cuadernos 1-3. Ministerio de Educación Nacional. Dirección General de Bellas Artes. Madrid, 1956.
VVAA: Gran Enciclopedia Gallega. T. XVIII. Santiago/Xixón. 1974.