XIII. O castro de Ourantes

Na parroquia de Ourantes, e moi cerca da aldea de Rubiás, no concello ourensán de Punxín, a uns 700 metros en liña recta da Citania de Lambrica, atópase un pequeno castro de arredor de 0,56 hectáreas de superficie. Dende a estrada que vai de Barbantes a San Cibrao das Las, que bordea ao castro nunha pronunciada curva, pódese adiviñar algún pequeno treito da antiga muralla.

Este pequeno castro, que non é único nos arredores de Lambrica, parece querer dicirnos cal foi a orixe das aldeas de Rubiás e de Ourantes, e que papel debeu xogar na futura organización parroquial que tomará forma algúns séculos despois.

Polas súas características, poderiamos aventurar que estaría habitado entre os séculos VI e I antes de Xesucristo, ou, incluso, posteriormente, aínda que a empresa que realizou unha pequena escavación, no contexto do “estudio territorial realizado en torno al Centro de la Cultura Castreña de la RGPA” , afirmaba na súa páxina web que se dataría nos séculos “IV-III a. d. C.”

Nesta fotografía, de abril de 2015, vemos unha pequena parte do paramento orixinal dunha construción do castro de Ourantes, coa característica disposición das pedras. Estaba descuberto polas escavacións que se fixeran uns meses antes. Pouco máis se pode ver.

As labouras agrícolas e gandeiras, posiblemente tamén mineiras, deberon ser o sustento daquelas xentes, que observaban ao seu Occidente a impoñente silueta da citania de Lambrica, a Cidade, coa que os habitantes do castro de Ourantes terían inevitables e comprensibles relacións de sometemento.

Pero o castro de Ourantes non é único arredor de Lambrica. Aínda se pode adiviñar un territorio presidido por esa grande citania de Lámbrica e salpicado por unha constelación de pequenas aldeas castrexas. Ademais de Ourantes, podemos citar: o Castro Martiño, o Castro de Eiras, o Castro de Veiga, Salamonde, o Castro de Casardomato, o Castro de Outeiro de Beariz…

Todos estes outeiros, aínda que lles chamamos castros, son inútiles para a defensa militar, tanto pola súa sinxeleza como polo seu pequeno tamaño. Como moito, os reducidos grupos que os habitaron só poderían defenderse dalgún que outro salteador ocasional. Os que residían nestes pequenos castros ocuparían a maioría do seu tempo nas labouras da terra, como se viña facendo dende o Neolítico e como seguirá facéndose ata o século XX.

Os habitantes destas aldeas explotarían directamente os produtos da terra e o gando de maior porte, aproveitando as fértiles veigas inmediatas, regadas por mananciais e regueiros. Na citania non sería posible obter certos vexetais de regadío, nin legumes… nin cereais, nin estabular e alimentar a gando de gran porte coma os bóvidos ou os cabalos. Por iso eran necesarias estas aldeas, pra que os habitantes da citania de Lambrica poidesen ter alimentación suficiente, especialmente aqueles grupos humanos entretidos en labouras non agrarias: minaría, metalurxia, defensa…

Polo seu reducido tamaño, pola súa relativa abundancia (arredor dunha ducia en menos de 30 quilómetros cadrados) e pola súa excesiva proximidade a Lambrica, Lámbrica, erguida nun outeiro moito maior entre San Cibrao das Las e Ourantes, os pequenos castros tiveron que estar, por forza suxeitos ao poder político da citania, chamada aínda hoxe a Cidade.

Tras deste anel inmediato de castros que poderiamos chamar dependentes, poderiamos situar, nun segundo nivel, outros xacementos algo máis lonxanos, pero case sempre comunicados visualmente con Lámbrica e a poucas horas de camiño ata ela: castros de Amoeiro, Armeses, Piñeiro, Corneda, Mosteiro, Cameixa… cos que a Arqueoloxía documenta certos paralelismos.

Coa utilidade de vixía e de establecemento de comunicación visual, o castro do Coto do Santrocado, tamén pequeno pero alonxado das fértiles veigas de cultivo, sería o complemento defensivo necesario da citania de Lámbrica, pois garantizaba unha visión da contorna de 360°, non posible desde a propia citania. Ademais, o Santrocado permitía a visibilidade do río Miño, unha vía fluvial navegable e transitada naqueles tempos.

Un caso especial de poboamento de maiores dimensións témolo na ladeira meridional do Santrocado, o Castelo de Laias, de innegable vocación mineira, pero tamén agraria, a xulgar polos almacéns trenzados que se atoparon, e con datacións que chegan ao século VIII antes de Cristo. Foi destrozado incomprensiblemente co trazado dunha autovía.

Nunca poderemos comprender ben a citania de Lambrica se non tratamos de ver como se distribuía o poboamento polo territorio que a circundaba nin indagamos sobre as relacións, económicas, políticas, de sometemento ou de protección, que necesariamente tivo que haber entre os distintos poboados da contorna.

Como en case todo nesta terra, do castro de Ourantes non existe sinalización, nin información pública accesible, nin xiquera limpeza. Complicado para visitar, aínda que está a rentes dunha estrada, unha grande maioría dos visitantes que van ao Parque Arqueolóxico “PACC” pasan ao carón do pequeno castro sen xiquera decatarse da súa presenza.

Polo que poidemos escoitar dunha veciña, o monte do castro de Ourantes é propiedade da Igrexa. Está a menos de cen metros da igrexa parroquial de San Xoán de Ourantes, nunha fermosa contorna con castiñeiros centenarios e cunha reitoral lastimosamente abandonada, con cerramento medieval, digna de ser un museo. A reitoral, que aínda presenta hoxe na cima do portalón un escudo dos Sarmiento, seica era o cárcere onde se cobraba o portazgo para o conde de Ribadavia.

A igrexa é encantadora, románica con dúas portadas e aleiro sostido por incribles canzorros. Ten engadidos barrocos polo seu lado norte, onde ergueron unha airosa torre de campás.

Rematar dicindo que o bo facer dos canteiros castrexos perdurou durante séculos, dando excelentes pezas artísticas coma o canzorro románico do músico, dos séculos XII ou XIII, que se atopa na igrexa parroquial, ao pé do propio castro de Ourantes. Despois de séculos sen cansar de tocar, aínda podemos velo atarefado, gozando do seu instrumento, interpretando, seguramente, a máis fermosa peza musical nunca antes escoitada nos arredores de Lámbrica.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario