XVIII. O cruceiro da Carballa de Eiras

Manuel Arís, un emigrante a Ultramar, filmou entre 1953 e 1958 “Un Viaje por Galicia” , 73 minutos que amosan un recorrido pola Galiza da época e que os emigrados aplaudiron moito. A película foi recuperada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), a quen hai que agradecer a primeira e a terceira imaxes que ilustran este artigo.

Grazas a este filme e á súa recuperación e difusión polo CGAI, sabemos algo máis do cruceiro que presidía aquel fermoso recuncho compartido coa portada do pazo dos Tizón (antes dos Toubes, dos Gaioso, dos Salgado…) e coa multisecular, posiblemente milenaria, Carballa de Eiras, a verdadeira avoa da parroquia, catalogada como unha das árbores senlleiras de Galiza.

Nuns poucos segundos, a partir do minuto 12:04 de “Un Viaje por Galicia“, podemos ver o portalón, o cruceiro e máis a Carballa, que o narrador chama como “la robla de Santa Margarita“, confundindo a Carballa de Eiras con outra senlleira e famosa carballa que hai en terras de Pontevedra.

O cruceiro da Carballa de Eiras elevábase esvelto, maxestuoso, a uns tres metros de altura. Dous chanzos arrodeaban a base, cúbica, base que tiña chafrán nas aristas superiores e que era lisa, sen figuración. O varal arrinca da base con sección cadrada, robusto, pero logo gaña esvelteza transformando a súa sección en octogonal. Un capitel, do que non se perciben detalles no filme, sostén unha grande cruz de sección cadrada, coa figura de Cristo na súa cara principal.

Sabemos, grazas as fotografías de Luís González Iglesias, feitas a finais da década dos anos cincuenta, que ese capitel era airoso, magnífico, apoiado directamente na columna octogonal. Tende a ser de planta cadrada, cos lados lixeiramente cóncavos e coas esquinas apoiadas en catro enormes volutas.

Capitel do cruceiro da Carballa (cortesía da familia González-Suárez)

Ata agora non se coñecía publicamente ningunha imaxe do cruceiro da Carballa de Eiras, salvo a fotografía que hai na páxina 315 do libro de MARÍA TERESA RIVERA RODRÍGUEZ, Los pazos orensanos, publicado a principios dos anos oitenta, onde vemos os restos do cruceiro tirados no chan. A imaxe de RIVERA ten que ser de finais dos anos sesenta ou principios dos setenta e constitúe tamén un documento da agresión a elementos patrimoniais, actividade aínda hoxe demasiado recorrente.

A mesma lámina de Teresa Rivera serve tamén para deixar constancia do San Antón de Padua, tamén de granito, que había enriba do portalón do pazo, e que roubaron haberá uns quince ou vinte anos.

Obtido de “Un Viaje por Galicia” (cortesía do CGAI)

Dous anacos do varal do cruceiro, de sección octogonal, aínda poden verse hoxe tirados ao pé da carballa, pero a base cúbica desapareceu haberá tamén uns vinte anos, despois de estar depositada en dúas fincas privadas da parroquia. Dos chanzos que estaban na base do cruceiro tampouco sabemos nada.

Un fragmento do varal do cruceiro da Carballa

A menos de cen metros está a igrexa parroquial de Santa Uxía, cara a que se orientaba a face principal do cruceiro coa imaxe do Crucificado. Algunhas das procesións relixiosas, concretamente a de San Bertolameu, que se celebra o 24 de agosto, dirixíanse cara este cruceiro. Segue a manterse esta costume, aínda moitos anos despois da desaparición do monumento, o que nos indica que a sacralidade está no propio lugar, non só nos cruceiros, que serían a expresión tanxible, secular e artística desa sacralidade.

OZORES, CAO e o Marqués de Quintanar refírense á contorna e ao cruceiro de Eiras coas seguintes palabras en 1932:

Da entrada al pazo una portalada almenada que se levanta en un ensanchamiento del camino, casi una plaza, a la que da sombra un roble varias veces secular, hermosísimo ejemplar que conservan y cuidan con verdadera veneración los dueños del pazo y los vecinos de Eiras. Un antiguo crucero, uno de esos cruceros gallegos, tan bellos y tan románticos, que tanto abundan en el país, sobre todo en las regiones y aledaños de la costa atlántica, centra la plaza.

Cruceiro da Carballa (cortesía da familia González-Suárez)

Moitas persoas das novas xeracións nin xiquera sospeitan que alí houbo un cruceiro.

Agradeceranse datos sobre o paradeiro deste fermoso monumento, símbolo da relixiosidade e do bo facer das xentes que habitaron nas nosas parroquias, retallo sobranceiro artístico e etnográfico que debería ser testemuña pública do respecto pola arte e a tradición.


Bibliografía

RIVERA RODRÍGUEZ, M. T.: Arquitectura del siglo XVIII en la provincia de Orense. Los pazos orensanos. Editorial Atlántico. Madrid, 1982.

MARQUÉS DE QUINTANAR; OZORES PEDROSA, X.; CAO MOURE, X.: Los pazos gallegos. Cuaderno VII. Pazo de Eiras. Ed. PPKO. Vigo. 1932.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario