XV. O cruceiro da Ermida

Cruceiros hai moitos.
Pero aquil cruceiro estaba soio.
Estaba no meio duns camiños, alá no monte,
indo pra Fareixa. Camiños sen esquerda nin dereita:
camiños que se perden na noite”.

PERFECTO SULLEIRO. Cruceiro, en A Beira da Vida. Ediciós do Castro. 1988.

Destronado nos inventarios da categoría de “cruceiro” porque alguén dixo que os cruceiros tiñan que ter capitel, reivindico dende aquí, apoiado pola tradición oral -e tamén pola poesía, como vemos nos versos de Perfecto Sulleiro, de Ourantes- a categoría de “Cruceiro” pra este singular e misterioso monumento que se ergue nos montes da Ermida ou do Couto, na parroquia de Santa Uxía de Eiras, San Amaro. Todo o mundo na parroquia e arredores lle chama “o cruceiro da Ermida”.

Enriba de, cando menos, tres chanzos, unha base cúbica e lisa sostén un varal de sección octogonal e moi curto, que soporta unha cruz que non se corresponde na súa sección co varal, pois a cruz é de sección cadrada. Esa cruz, de brazos iguais e sen figuración, está decorada en ambas caras e polos cantos con liñas rectas, pero os extremos dos paus son lisos.

Non se sabe se o cruceiro tivo o “capitel”, pero case é seguro que o remate do varal primixenio tería algún tipo de decoración ou abultamento que o unise á cruz e que reproduciría este elemento arquitectónico. A grande maioría das veces, o capitel está directamente labrado no extremo do varal, con ou sen decoración, non sendo máis que un ensanchamento pra darlle estabilidade á cruz.

O grande tamaño da cruz da Ermida fai supor, precisamente, que non sería seguro asentala directamente nun varal, que orixinalmente debeu ser máis alto que o que hoxe vemos, se temos en conta a debida proporción entre cruz e varal. A proporción entre elementos é unha constante na Historia da Arte.

A existencia deste suposto capitel permitiría a certos estudosos calificar o cruceiro da Ermida como “cruceiro” e non como “cruz”. Pero… un carro sen rodas segue a ser un carro? A resposta a esta cuestión podería guiar a eses estudosos. Un cruceiro que perdeu o capitel… segue a ser un cruceiro.

Se nos fixamos na base, poderemos ver tamén que o primitivo varal debeu ter sección cadrada, como a da cruz, cando menos na súa parte inferior. O varal que hoxe vemos, propio dos séculos XVII ou XVIII, non é o que tivo primixeniamente o cruceiro, aínda que tamén podería tratarse dun fragmento dun antigo varal que reaproveitaron. De ser reaproveitado, temos que pensar que o primeiro varal era máis alto e que tiña sección cadrada na súa parte inferior. E… case seguro que tiña capitel.

A poucos metros do cruceiro da Ermida hai restos dunha mámoa onde os veciños de Eiras, non hai moitos anos, aseguraban que alí se “enterraban os mouros“. A mediados da década dos cincuenta, CHAMOSO LAMAS escribe que, estando en Eiras:

“(…) entre los restos profanados de una “mámoa”, recogimos dos hachas de cuarcita pulimentada que se conservan en el Museo Arqueológico de Orense”.

CHAMOSO LAMAS, M.: “Excavaciones Arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)”, en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV, Cuadernos 1-3, 1954-1955. Ministerio de Educación Nacional. Madrid, 1956.


O topónimo “Ermida” procede da presenza dunha antiga ermida ou capela, da que fala un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa de As Múas, anexa á ermida de San Cosme e San Damián na feligresía de Santa Uxía de Eiras, cara a 1695. 

Andres del Villar, en nome do encomendador de San Julián de Paços de Arenteiro, frey Garcia de Ábila, pon acción de demanda pedindo entero cumplimiento de sentencia contra Doña Ana de Toubes, Doña Isabel Vázquez de Toubes (de Sabariz, viúva do rexedor de Ourense Xoán de Cárdenas), Don Domingo de la Fuente abade de Eiras e Don Francisco Vázquez de Toubes polo lugar y granja que se nomina de las Múas aneja y perteneciente a la ermita de San Cosme y San Damián.

Hoxe non hai restos daquela capela que só coñecemos pola documentación. O cruceiro quedaría como recordo desa ermida e como cristianización dun antigo lugar de culto. A mediados do século XX aínda se celebraron procesións dende a igrexa parroquial ata ese lugar.

Un pouco máis alonxado, cara o leste, atópase un penedo con petroglifos, nunha contorna onde había rochas erosionadas que poderían falarnos dun antigo altar ou centro de culto ou reunión de hai tres ou catro mil anos. Unha destas rochas, que foron espoliadas, está hoxe nas inmediacións da citania de Lámbrica, a onde a levaron pra facer unha fonte.

A ara de Bandua, que se conservou no pazo de Eiras, pode proceder da capela da Ermida, pois moitas aras gardáronse no interior dos templos facendo testemuña de cultos precristiáns pero, máis, como garantía de que o pobo non as utilizase fóra da relixión cristiá. Algunhas aras chegaron a funcionar como pías de auga bendita, a outras fóronlle repicadas as inscricións…

Un exemplo moi cercano de ara conservada no interior dunha igrexa témolo na capela de Santa Lucía de Erbededo, que foi parroquia de San Andrés ata o século XIX, moi cerca da Ermida. Outro exemplo é a ara de Xúpiter que se atopa no interior da parroquial de Santiago de Trasariz. Na mesma parroquia de Trasariz, hai restos doutra ara nos muros da casa reitoral.

É posible que os sucesores dos señores do pazo de Eiras que litixiaban a finais do século XVII polo “lugar e granxa” das Múas, “anexa á capela“, levasen a ara pra o seu xardín cando esta capela ou ermida -por razóns que se descoñecen- quedou en desuso e arruinada.

A ara, coa súa controvertida inscrición, chamaría a atención daqueles folgados señores do século XVIII, nunha época na que tamén estaba de moda a colección de rarezas antigas como pasatempo e na que tamén foron espoliadas moitas mámoas.

© F. González Iglesias

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario