IV. O Paleolítico arredor de Lámbrica

Táboa

1. Entre a Saínza, o Cotarelo e a Bouza

2. Outros achados nas cercanías

3. O Paleolítico en Lámbrica

4. Conclusións

1. Entre a Saínza, o Cotarelo e a Bouza

No mes de outubro de 2014 foi atopada entre Eiras e Vilarderrei, dúas parroquias colindantes e pertencentes aos concellos de San Amaro e Cenlle respectivamente, unha peza traballada en canto rodado de río, unha cuarcita de bo tamaño de factura paleolítica ou epipaleolítica, aínda que non é posible datala porque non apareceu en contexto arqueolóxico.

Aínda que cumpre características de útiles atopados e datados noutras zonas no Paleolítico Medio e no Paleolítico Superior, por prudencia, podemos aventurar unha data máis tardía da súa fabricación, ben cara os finais do Paleolítico ou xa no Epipaleolítico, chamado tamén noutros lugares Mesolítico. Esta data tardía pode chegar ata o VII ou VI milenio antes de Xesucristo e correspondería coas etapas finais dos establecementos itinerantes ou estacionais dos grupos humanos, aínda non acostumados a un modelo de habitación fixo que será imposto algo máis tarde, cando apareza e se consolide, xa no chamado Neolítico, a necesidade de coidar o gando estabulado e os cultivos en lugares de habitación permanentes, dando lugar ás primeiras aldeas.

A peza, con talla bifacial e fío cortante, mide aproximadamente 15,5 centímetros de longo e pesa uns 900 gramos. O seu achado foi casual, á beira dun camiño no valado dunha viña despois dunha invernía.

As coordenadas do sitio onde se recolleu esta peza, entre a Saínza, o Cotarelo e a Bouza, son as seguintes: 42°21’16.18″N; 8° 3’46.42″O.

No lugar non existen cantos rodados deste tipo, polo que temos que supor que foi traído do río Miño, que pasa a uns tres quilómetros en liña recta polo Ribeiro de Laias, Razamonde e Trasariz.

Non chega a tres quilómetros a distancia dende o lugar do achado á citania de Lámbrica, perfectamente visible ao Leste. Cara o sur, a 1,3 quilómetros están os petroglifos da Ermida.

Nas inmediacións do lugar deste achado están a peneda da Saínza e o cruceiro do Monte do Chao. A visibilidade da contorna é ampla cara o Leste e o Sur. Ao Sueste sobresae a silueta do monte do Santrocado.

2. Outros achados nas cercanías

Maximino Álvarez, alcalde do Carballiño a principios do século XX, depositou no Museo Provincial de Ourense un machado de bronce dos denominados “de talón e aneis“, procedente dunha carballeira da parroquia de Vilarderrei (Cenlle), seguramente non moi lonxe do lugar onde apareceu o noso artefacto lítico mesolítico ou paleolítico.

Os machados de bronce non son do Paleolítico, son moito máis recentes, típicos da Idade do Bronce, dentro das chamadas Idades dos Metais.

O machado de Vilarderrei seica formaba parte dun depósito con outras pezas similares. Hoxe é un misterio o lugar concreto do achado do depósito de don Maximino, así como tamén o é o paradeiro das outras pezas. Estes depósitos da Idade do Bronce soen ser datados, dentro dun amplo abano cronolóxico, entre o I e o III milenio antes de Xesucristo.

Non moi lonxe, xa na parroquia de Eiras e posiblemente no monte da Ermida, a mediados da década dos cincuenta do século XX CHAMOSO LAMAS documentou a presenza de dúas pedras de cuarcita:

“(…) entre los restos profanados de una “mámoa”, recogimos dos hachas de cuarcita pulimentada que se conservan en el Museo Arqueológico de Orense”.

CHAMOSO LAMAS, M.: “Excavaciones Arqueológicas en la citania…” (1956).

3. O Paleolítico en Lámbrica

Na propia citania de Lámbrica, a moi poucos metros da muralla occidental (A Chaira), atopáronse restos do Paleolítico Medio e do Paleolítico Superior que coñecemos por un artigo publicado no Boletín Auriense en 1999 por ROSA VILLAR QUINTEIRO, que leva por título “El yacimiento paleolítico de A Chaira, San Cibrán de Lás (Ourense)“.

Esta autora sostén que a industria lítica da Chaira está realizada “sobre cuarcitas en forma de nódulos de canto rodado, cuya procedencia más próxima sería el río Miño” (…) e que “presenta un mínimo aspecto de desgaste por rodamiento, pues como mucho la distancia máxima que han podido recorrer es la que media desde la cima, donde se emplaza el castro, a su localización actual y que aproximadamente es de unos 200 m. (…).”

Segundo ROSA VILLAR, “la composición tipológica nos señala una industria dominada por el utillaje sobre lasca en el que los denticulados dominan sobre las raederas pero sobre ambos, aparece el utillaje propio del Paleolítico Superior con una frecuencia mayor, en el que se encuentran raspadores, toscos buriles, claros perforadores, además de piezas con retoque abrupto y escasos cuchillos de dorso, siempre atípicos“.

En total, “se han contabilizado 475 efectivos, sin tener en cuenta diversos cantos rodados y fragmentos de estos, algunos de los cuales pudieron haber desempeñado una función de percutor en la cadena operativa, a juzgar por las zonas de alteración que presentan.

4. Conclusións

Os restos do Paleolítico nos arredores de Lámbrica son bastante frecuentes, aínda que pouco valorados. Son importantes porque documentan poboación, de xeito disperso, por zonas moi extensas. Entre outros achádegos que foron documentados, ademais dos da Chaira e os de Eiras, poderiamos destacar os dos Chaos de Amoeiro, os das terrazas do río Arenteiro en Seoane (O Carballiño) ou os de Toén.

A presenza destes restos líticos e metálicos suxírenos un poboamento máis ou menos continuado, pero de grande duración temporal, nos arredores de Lámbrica dende o Paleolítico, hai varios milleiros de anos, sendo a fortificación castrexa ou citania das Las un simple episodio no tempo, cunha duración temporal como citania que non superaría os cinco ou seis séculos.

Nunca poderá ser ben entendida a citania de San Cibrao das Las (Lámbrica, na inscrición da ara de Eiras) sen a comprensión da previa existencia dunha zona poboada e rica en recursos agropecuarios, mineiros ou de rutas estratéxicas de comunicación…

Recursos e situacións que, ao paso do tempo, ocasionarían unha acumulación de riquezas en certos grupos humanos que levaría a unha diferenciación social, obrigando a fortificar certos enclaves, ben fose por amenazas entre grupos dentro do propio territorio ou por perigos externos que aparecesen en momentos puntuais. Isto debeu suceder en diferentes momentos ao longo das Idades do Bronce e do Ferro pero, seguramente, en maior grado, aos inicios da romanización, cando a cobiza rematará convertendo a Roma na dona de Occidente.

Bibliografía

CHAMOSO LAMAS, M.: “Excavaciones Arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)”, en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV, Cuadernos 1-3, 1954-1955. Ministerio de Educación Nacional. Madrid, 1956.

GONZÁLEZ PÉREZ, C.: Cenlle, Historia e Patrimonio. Cenlle. Maio de 2017.

VILLAR QUINTEIRO R.: “El yacimiento paleolítico de A Chaira, San Cibrán de Lás (Ourense)”, en Boletín Auriense, t. XXIX. Museo Arqueolóxico Provincial. Ourense, 1999.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario