VII. O tríscele ou trisquel de Lambrica

Táboa

1. O tríscele

2. Significado

3. Esquema do tríscele de Lambrica

1. O tríscele

Esta preciosidade de peza seica formaba parte do sollado dunha construción “angular” do recinto central, na zona máis alta da citania. Foi atopado nas escavacións de X. Lorenzo Fernández en 1948, na citania de San Cibrao das Las e Ourantes, Lambrica. É propiedade do Museo Arqueolóxico de Ourense. A fotografía foi realizada nunha exposición que fixeron na Praza Maior de Ourense a finais de 2016.

A súa forma, moi reiterada na plástica castrexa, está conseguida con rebaixes nunha superficie de granito moi ben traballada. Trátase dun trisquel, tríscele ou triskel, xa que posúe tres raios ou puntas que saen do centro do círculo.

Motivos similares en Galicia e Portugal, coas aspas no mesmo sentido de xiro (levóxiro, á esquerda partindo do centro), atopámolos no castro de Troña (Ponteareas), Armeá (Allariz), dúas en Outeiro de Baltar (Ourense); cinco na citania de Briteiros (Portugal), dúas en Castromao (Celanova, Ourense)…

Co mesmo motivo pero coas aspas en sentido contrario (destróxiras) podemos citar as do castro de Santa Trega (A Guarda), Santa Luzía (Viana do Castelo, Portugal), tamén en Armeá (Allariz), Briteiros, Castromao, Sabroso (Guimaraes, Braga, Portugal), Sanfins (tamén en Portugal)…

Coas aspas destróxiras tamén foi atopado nas escavacións de 2016 en Lambrica, na xamba dunha ventá, unha pintura dun tríscele.

2. Significado

O tríscele é un elemento moi repetido na plástica do Noroeste e moi coñecido no mundo celta. Aínda que as interpretacións sobre o seu significado son moi abondosas, parece evidente que, na maioría dos casos, a súa presenza vai máis alá do puramente decorativo.

A súa utilización, dende tempos moi antigos, fai pensar en símbolos canalizadores de enerxías positivas ou en protectores contra factores negativos. Tamén hai quen o asocia con símbolos solares, co número tres e con misterios e antigas relixións célticas, vinculados ós druídas e a triloxía divina Taranis, Esus e Téutates.

Taranis era o deus do trono e do ceo, atribuíndolle os antigos o poder de controlar as tempestades e tormentas; tamén o encargado de vixiar os ciclos dos días e das noites. Representa a forza e o estrondo das tormentas, do vento e da choiva. Este deus adoita representarse como un home musculoso e barbado que leva nas mans unha roda, símbolo du seu poder sobre o tempo, e un raio.

PENA GRAÑA dinos que Taranus, Xúpiter/Taranis, era o vello deus indoeuropeo do raio e do fulgor e que “aparece na interpretatio celto-romana ora como Iuppiter Taraunucus, mencionado segundo Jan De Vries por unha inscrición de Scardona en Dalmacia, ora como I.O.M.Tanaro, mencionado por unha inscrición do 168 d. C. orixinaria de Chester, ora como Taraunucus, mencionado por dúas inscricións de Godranstein, preto de Landau e de Böckingen, xunto a Heilbronn, ambas en Alemaña“.

A asociación Taranis/Xúpiter pode aínda intuírse en Lámbrica e no Santrocado. Xúpiter, foi o deus romano do raio, a romanización do Taranis céltico, estando presente na inscrición do alto da citania de Lámbrica (IOVI), moi cerca da cabana onde estaba o trisquel.

Hoxe existe unha romería no cumio do monte do Santrocado, o castro que defende a Lámbrica pola súa parte meridional. A romería está dedicada a “San Torcuato” ou San Trocado, o bispo suplantador que dende a cristianización protexía a contorna contra as tormentas. Por iso se bendecían os campos dende a cima do monte, a onde acudían en solemne procesión as feligresías das Las, Eiras, Laias e Ourantes, divisións parroquiais nas que acabou fragmentado o antigo territorio que arrodeaba á citania de Lámbrica e ó monte do Santrocado.

Alguén próximo ás autoridades eclesiásticas na Idade Moderna soupo ver neste santo “torcuatus“, con torque, indicios de cultos precristiáns, por iso se promocionou o culto a San Isidro, canonizado en 1622 polo papa Gregorio XV. San Isidro fora labrador, actividade moi familiar á vida cotiá dos habitantes daquelas terras de Ourantes, Laias, Eiras e Las, e coincidía a súa celebración no día da romería do San Trocado, o 15 de maio.

Quen sabe se non foi tamén por iso, para esquecer ó suplantador Torquatus, o roubo da súa antiga imaxe nos anos sesenta do século XX, cando un bispo de Ourense prohibiu a continuación dos cultos na capela e a celebración da romaría, por mor dun decreto da separación do “relixioso” e do “profano“.

3. Esquema do tríscele de Lambrica

Os trisqueles poden basearse xeometricamente nun hexágono regular inscrito nunha circunferencia (figura 3). Dende o centro desta última, trázase outra circunferencia coa metade do raio da anterior (figura 5). O raio (r) é a distancia que hai entre un punto da circunferencia e o centro da mesma.

En cada punto onde se cruza esa circunferencia interior con cada un dos raios que van aos vértices do hexágono trazamos, co mesmo raio da segunda circunferencia, outras seis (figuras 6 a 11).

Outro xeito é partindo dun hexágono inscrito na circunferencia central. Neste caso as seis circunferencias seguintes terán como centro os vértices dese hexágono.

Tamén é posible construír o tríscele só con círculos, partindo dun maior e doutro central coa metade do raio do primeiro. Seguramente a perfección de moitos trisqueles da Idade do Ferro se obtivo cun método similar a iste.

Co mesmo raio deste último, e con centro nun punto calquera da circunferencia central, trazamos outra, tanxente simultaneamente á circunferencia maior e ao centro desta última.

As seguintes cinco circunferencias que nos quedan deberán ter o centro na intersección da circunferencia (que acabemos de trazar) coa circunferencia central. Esas cinco deberán tamén ser tanxentes á circunferencia maior e ao centro dela.

En realidade sae un hexasquel. A partir del, se discriminamos tres follas intermedias, chegaremos ao tríscele. Incluso poderemos seleccionar o sentido de xiro que queremos darlle á figura, dextróxiro (hacia a dereita) ou levóxiro (cara a esquerda).

É curioso que o deseño central que nos queda é un motivo floral ou roseta de seis puntas, tamén moi representado na arte castrexa en pedra do noroeste da península ibérica e presente en Castromao, Armea, Briteiros, Sabanle (Crecente), Santa Trega (A Guarda)…

En Lambrica, Lámbrica, tamén foi atopado un motivo deste tipo, roseta de seis puntas, nas escavacións de López Cuevillas en 1922, hoxe en paradeiro descoñecido.

©️ F. González. Maio 2023.

Bibliografía

CALO LOURIDO, F.: A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa. F. Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1994. ISBN 84-87819-66-4

PENA GRAÑA, A.: “O misterio do trisquel na relixión celta ancestral: monoteísmo trinitario antecedente do presente cristián” en Cátedra: Revista Eumesa de Estudios, Nº. 15, 2008, páxs. 167-236. Pontedeume. ISSN 1133-9608

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario