O Urco nun anel de Lámbrica?

Na páxina 13 do Boletín da Real Academia Galega número 169 (A Coruña, 1 de marzo de 1925) aparece unha curiosa ilustración, un debuxo de FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS. O artigo no que se inserta titúlase A citania do monte “A Cidade” en San Ciprián das Las (Concrusión). Ocupa dende a páxina 7 á 13, e nel danse referencias dalgúns achados na citania de San Cibrao das Las, a Cidade de Lámbrica, case todos cerámicos e algunha moeda, realizados nas escavacións daquela época.

Segundo Cuevillas, na páxina 11, o debuxo corresponde a unha pedra de anel, unha “cornalina oval de 11 por 7 milímetros”, que ten gravada

fondamente a figura d’un cuadrúpedo d’identificación pouco doada no que cicais se poda recoñecer a un cáprido”.

Tamén nos di que nun xacemento portugués foi achada unha pedra de anel semellante, aludindo a un debuxo que publicara Vasconcellos en 1917 en Coisas Velhas.

Comparación entre os debuxos de L. de Vasconcellos (Coisas Velhas, “O Archeologo Portugués”, t. XXII, 1917, páx. 145) e o debuxo de Cuevillas, publicado no Boletín da Real Academia Gallega, n. 169, marzo de 1925, páxina 13.

O debuxo de Vasconcellos que cita Cuevillas é claramente un cáprido, pero o de Lámbrica non pode selo porque o fuciño é demasiado longo. Máis que un cáprido, podería tratarse dun cabalo, un cánido ou un animal fantástico.

Tamén parece verse claramente que o cuadrúpedo do anel de Lámbrica intenta atravesar (ou dirixirse a) un lugar con auga, lagoa ou río, pois na base da pata dianteira parece representarse unha superficie acuática e a postura da pata traseira, excesivamente erguida para dar un paso, é a normal dos cuadrúpedos cando andan pola auga, xa que lles facilita o desprazamento. O animal pisa na auga, ten porte de bóvido, orellas longas e cornos, pero un fuciño excesivamente longo que só pode quedarlle ben a un cánido. E non será o Can do Urco?

Do Urco, ou Can do Urco, falan algunhas fontes en Galicia e Asturias. Cóntase que era un can moi grande, con orellas longas e cornos, que vivía na auga, nas beiras dos ríos ou no mar. Así tería explicación a auga que parece verse no debuxo da cornalina.

Interpretación do Urco por Dende (lic. Creative Commons, procedente da Wikipedia)

M. ALBERRO dinos do Urco que é

un animal fantástico que suele aparecer en forma de un enorme perro negro, y cuya presencia es de muy mal agüero”.

Aínda que o localiza no río Lérez, tamén afirma que é coñecido en Asturias co mesmo nome e características. Continúa decindo o propio Alberro que a figura sobrenatural do Urco está presente en varias rexións célticas, como na Bretaña francesa, Irlanda, Gales ou Escocia. Neste último recibe o nome de “perro de las hadas”, definíndose como un

perro gigantesco del tamaño de un novillo”.

Parece indiscutible que o deseño do cuadrúpedo de Lámbrica (cáprido, cabalo, can ou Urco) é unha obra de arte dos primeiros poboadores organizados dos actuais concellos de San Amaro, Punxín e Cenlle, que tiveron a súa capitalidade na Citania de Lámbrica, un dos poboados castrexos maiores e máis completos que podemos ver aínda hoxe na Galiza, refeito nos inicios da romanización.

O deseño incontestablemente artístico da cornalina fai pensar en personaxes de certa condición. Pero as élites dominantes só teñen sentido en amplos espazos territoriais para así poder acumular a riqueza suficiente que dé lugar á necesaria diferenciación social, o que lles permite seguir exercendo o poder.

O anel que contivo a pedra de cornalina que describe Cuevillas podería tratarse dun selo utilizado en moitos pobos antigos para darlle autenticidade a documentos ou mercadorías, o que nos estaría a falar dunha vida administrativa esperada nun xacemento do calibre da citania de Lámbrica, da que sospeitamos relacións comerciais a través da ruta do Miño cara o Atlántico.

ESTRABÓN, un xeógrafo grego, dinos que na desembocadura do Miño, que chamaban Bainis, había unha illa con dous peiraos, o que suxire actividade comercial nun lugar de unión de vías fluviais e marítimas. Tamén nos di que o Miño era “navegable uns oitocentos estadios”, sendo o estadio unha unidade de medida equivalente a uns 180 metros. Polo tanto, a navegabilidade ata a Barca, hoxe Barbantes-Estación, era posible e… cando se navega, lévanse e tráense cousas.

Aínda máis complicado sería procurarlle un significado local ao deseño da cornalina do anel de Cuevillas, que ben seguro que o tiña. Comparamos a figura invertida da súa impronta, supoñendo que se trate dun selo, co perfil topográfico daquel lugar de Norte a Sur, pasando pola cima da citania de Lámbrica e polo cumio do Santrocado (O Coto). Ambos lugares eran -aínda son- os máis elevados nunha contorna con castros máis pequenos diseminados.

Non é desbotable, en principio, a hipótese de que no anel apareceran representadas orograficamente as elevacións de Lámbrica e do Santrocado, que os seus posuidores asimilarían á figura do Urco, pois son bastantes as coincidencias.

Ao fondo, á esquerda, a citania de Lámbrica. No centro, o Coto do Santrocado. Á dereita, o Santrocado baixa cara o val do río Miño.

Ambos lugares, Lámbrica e Santrocado, tiveron que formar parte da mesma entidade política, pois de non ser así estaría moi comprometida a defensa meridional da citania de Lámbrica. O Urco é un animal poderoso, relacionado co “Máis Alá”, e as ideas relixiosas sempre foron utilizadas polas élites pra impoñer medo e someter. Pra completar as suposicións, dicir que a superficie da auga que pisa a pata dianteira do animal do selo coincidiría co río Miño.

Non parece máxico? Pois, agora… a ver se aparece a cornalina!

© F. González Iglesias


Bibliografía

ALBERRO M.: Diccionario Mitológico y Folklórico Céltico. Desde Galicia a las Islas Shetland, pasando por Bretaña, Irlanda, Isla de Man, Cornualles, Gales, Escocia y las Islas Orkney. Briga Edicións. Betanzos. 2004.

LÓPEZ CUEVILLAS, F.:  “A citania do monte ´A Cidade´ en San Ciprián das Las (Concrusión)”. Boletín de la Real Academia Gallega. Año XX. Núm. 169. Páx. 7 a 13. Roel. A Coruña. 1 de marzo de 1925.

J. LEITE DE VASCONCELLOS: Coisas Velhas, “O Archeologo Portugués”, t. XXII, 1917.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario