V. Os baeduos e Lambrica

Ptolomeo menciona en Xeografía, II, 6, 26 ao pobo dos baeduos, baedios ou bedyos, citando a súa capitalFlavia Lambris.

BRAÑAS ABAD, GONZÁLEZ GARCÍA e PARCERO OUBIÑA, no Apéndice de Los pueblos de la Galicia céltica, afirman (páxina 535) que…

resulta complicado precisar más su ubicación, sobre la que simplemente podemos decir que se trataba de un pueblo del interior (…)”

Colmenero, basándose en la ausencia de referencias a las poblaciones prerromanas que ocupaban el área actual de las tierras de Chantada, Barrela y Lalín, cree probable ubicarlos en estas comarcas, en la zona colindante entre el sector meridional de la provincia de Lugo y en el sector septentrional de la provincia de Pontevedra.”

No mapa da páxina 544, BRAÑAS, GONZÁLEZ e PARCERO sitúan aos baeduos con interrogante tanto ao norte como ao sur do convento lucense. Se observamos ese mapa, decatarémonos enseguida de que, se seguimos o curso descendente do río Miño, existe un gran baleiro de pobos entre os lemavos (que ocuparían o Val de Lemos) e os grovios, que habitarían nas zonas entre a actual Tui e a ría de Vigo.

Non se entende que tan amplo territorio, de boas terras, ben comunicado (o río Miño era navegable ata cerca de Ourense) e con abundantes recursos minerais, estivese tan baleiro.

Os baeduos, baedios ou bedyos, aínda que seguramente non fosen os únicos, posúen moitas posibilidades de ter ocupado estas terras ao norte do curso medio do río Miño, ente os conventos lucense e bracarense. De momento non hai nada que o contradiga.

Precisar que a división romana en conventos é tardía (son as liñas discontinuas que van no mapa), e só debe servirnos pra acercarnos á posible distribución territorial dos pobos prerromanos. Moitas veces faise referencia a esa división conventual, pero temos que ter claro que nos pobos prerromanos esas fronteiras aínda non existían.

No Diccionario de Pascual Madoz (1849), na páxina 285 do volume III di:

Había en Galicia, dentro de la demarcación del convento jurídico lucense, una república llamada de los Baedios o Haedios, cuya capital fue Lambris. Sin duda estos baedios eran de la raza céltica, y de la raza de los haedios celtas, que fueron célebres en la Galia (…)”

No mesmo Diccionario de Madoz, buscamos “Lámbrica” , que atopamos na páxina 54 do volume X, onde se afirma que…

LAMBRICA: aunque Flórez creyó ser esta c. antigua la actual Betanzos, y otros han conjeturado ser el Ferrol, no dudamos su identidad con el pueblo llamado hoy Lambre (V.).”

Buscamos, entón, “Lambre“, casualmente na mesma páxina 54, onde di:

LAMBRE: ald. en la prov. de Coruña, ayunt. de Irijoa y felig. de San Tirso de Ambroa. (V.)

HISTORIA. Este pueblo, ilustre en la antigüedad bajo diversos nombres, fue capital de una de las parcialidades calaicas, de la primitiva España llamada Bedia o de Baedios o Aedios, por Ptolomeo, pueblos verdaderamente celtíberos; aunque no de los que formaron la famosa Celtiberia. Su nombre era entonces Lambris. (…)”

Madoz continúa, na mesma voz “Lambre“, reproducindo unha coñecida historia da campaña de Xunio Bruto, cara o 137 antes de Cristo:

Bruto, apellidado el calaico por haber subyugado esta parte de la península, la avasalló por primera vez; y habiéndosele rebelado, volvió sobre ella con ánimo de castigarla. Sus habitantes, no estimándose en estado de resistencia, vinieron a ponerse a su discreción, acudiendo a su clemencia. Bruto les exigió los desertores, las armas y rehenes, y cumplido todo a su placer, les restituyó sus casas volviéndoles la c. que le habían regalado saliéndose de ella. Con esta acción generosa dio fin Bruto a su campaña y partió para Roma. Refiriendo Apiano este acontecimiento la llama Labrica (…)

Aquí xorde un problema: Hai consenso en admitir que o xeneral Xunio Bruto, alcumado polos seus éxitos o Galaico, non pasou ao norte do val do río Miño, dirixíndose cara o Océano. En consecuencia, a identificación que fai MADOZ entre Lambre e Lámbrica non pode ser válida. Ten que haber unha Lámbrica na metade sur de Galiza.

Algúns textos aluden a Talábriga, que posiblemente sexa outro nome de Lámbrica. Esta confusión Labrica/Talábriga parece proceder de distintas edicións da obra de APIANO. Os autores que van recollendo e transmitindo datos ao longo do tempo van elixindo o que lle parece máis axeitado. Así, RISCO é partidario de Lámbriga, pero JUAN DE MARIANA advertía no século XIX: 

“En las mejores ediciones de Appiano se llama esta ciudad Talabriga y no Labrica…” 

En Historia Romana, 73, Apiano relataba cun pouco máis de detalle os feitos que recolleu Madoz no seu Diccionario:

“Se dirigió contra Talábriga, ciudad que con frecuencia había sido sometida por él y que volvía a sublevarse causándole problemas. También en aquella ocasión le solicitaron el perdón sus habitantes y se rindieron sin condiciones. Él les exigió, en primer lugar, a los desertores romanos, a los prisioneros, todas las armas que poseían y, además de esto, rehenes; después les ordenó que abandonaran la ciudad en compañía de sus hijos y mujeres. Cuando también le hubieron obedecido en esto, los rodeó con todo su ejército y pronunció un discurso reprochándoles cuántas veces se habían sublevado y habían renovado la guerra contra él. Después de haberles infundido miedo y de dar la impresión de que iba a infligirles un castigo terrible, cesó en sus reproches y les dejó volver a su ciudad para que la siguieran habitando en contra de lo que esperaban, pues les había quitado sus caballos, el trigo, cuanto dinero poseían y cualquier otro recurso público. Bruto, después de haber realizado todas estas empresas, partió hacia Roma. Yo he unido estos hechos a la narración de Viriato, puesto que fueron provocados por otros salteadores al mismo tiempo y por emulación de aquél.”

Pomponio Mela tamén fala dunha Lámbrica en De Chorografía, Libro III, cando describe as terras occidentais da península ibérica:

En todo (o Promontorio Céltico) viven os Célticos, pero desde o Douro ata o entrante (viven) os Grovios, e corren por alí o Avo, o Celado, o Nebo, o Miño e, o que é chamado do Esquecemento, o Limia. O entrante, el mesmo consagrado á Cidade de Lambrica, recibe aos ríos Lérez e Ulla.”

A Lambriacam urbem debía ser moi coñecida en boa parte das Rías Baixas, cando menos por algúns habitantes dos vales do Ulla e do Lérez.

Lambrica, quizais Flavia Lambris, podería tratarse da citania de San Cibrao das Las e Ourantes pero, pra entendelo, primeiro temos que superar as ubicacións tradicionais deste topónimo, case inamovibles cal dogma de fe, pero sen probas convincentes, en lugares de Betanzos, de Ferrol, de Pontevedra, de Portugal… aínda que nada impide que alí houbese outras Lámbricas. Os topónimos poden repetirse en lugares diversos e distantes.

En Eiras temos un testimonio epigráfico dese topónimo xenuinamente céltico, Lámbrica, que, segundo PTOLOMEO e MADOZ, tamén era o nome da capital dos baedios. Está na inscrición da ara de Bandua.

Tamén temos, nas parroquias ao lado de Eiras, San Cibrao das Las e Ourantes, unha capital, unha impoñente citania refeita no período romano, entre os séculos II e I antes de Cristo. E podemos dicir “capital” porque, ata onde se sabe hoxe, non hai na contorna, en moitos quilómetros arredor, ningunha citania que a supere en magnitude nin espectacularidade e… as cidades grandes sempre foron, dalgún xeito, capitais.

Non deixa de ser unha hipótese. Pero aínda hai máis… Aos pés dos montes da Madanela, a pouco máis dun quilómetro do castro de Mosteiro de Lobás, temos unha aldea cun curioso e pouco común topónimo, Boedes, moi cerca das minas de Larouce e das Grobas, tamén próximo ao castro de Corneda, e a unhas tres ou catro horas de camiño á citania de Lámbrica.

Dende Lambrica divísanse cara o norte esas terras mineiras, pero tamén se controla a vía terrestre que, partindo delas, accedía ao río Miño cruzando a propia citania de Oeste a Leste e continuando ata a ribeira. O Miño era unha vía fluvial navegable que conducía cara os circuítos comerciais atlánticos dende o embarcadeiro da actual Barbantes-Estación.

E non sería por aquí, polos arredores da antiga Lambrica e das actuais vilas do Carballiño e Ribadavia, a terra dos Baeduos?

Nalgúns mapas dos séculos XVII e XVIII aparece Flavia Lambris Baediorum identificada con Ribadavia, como se pode ver no mapa de Giacomo Cantelli da Vignola e Antonio Barbey, publicado en Roma en 1696.

O de Flavia remite aos Flavios, dinastía de emperadores romanos (Vespasiano, Tito e Domiciano) entre os anos 69 e 96, o que indicaría unha poboación de certa importancia nesa época por estes lugares entre o Ribeiro e o Carballiño.

Ribadavia non está lonxe da citania de San Cibrao das Las… e Boedes aínda se conserva como nome dunha aldea nas abas da Madanela, nas terras do Arenteiro.

Será a Lambrica de San Cibrao das Las e Ourantes a romana Flavia Lambris Baediorum?

© F. González Iglesias. Setembro de 2021. Dereitos reservados.

Bibliografía

VV.AA.; GONZÁLEZ GARCÍA, F. J. (Coord.): Los pueblos de la Galicia céltica. Ed. Akal. Madrid, 2007.

MADOZ, P.: Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar. 1846-1850 (Copia dixital realizada pola Biblioteca de Andalucía).

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario