III. Paparotas e recreacións na citania de Lambrica

Non se pode entrar de balde no castro de San Cibrao das Las e Ourantes, pero seica se poden facer paparotas e celebracións masivas con recreacións circenses ou antroidadas ás que asisten os “dignatarios”, coma a que celebran nunha páxina de “facebook” chamada San Amaro: unha reunión festeira que debeu de producirse entre o 9 e o 10 de agosto de 2019, dentro do recinto da citania.

A páxina é a seguinte: https://facebook.com/concellodesanamaro.organiozacion/posts/pcb.161576015013227/?

Non parece de recibo que, en vez de protexela, se maltrate unha sobranceira citania da Idade do Ferro, unha das xoias arqueolóxicas de Galiza e da península ibérica. Non se pode entender como unha das maiores citanias do noroeste puido servir de comedor e de recinto festeiro ao que acudiron representantes públicos que, precisamente, deberían velar pola protección do patrimonio dos seus concellos.

Os dignatarios non queren (ou non poden?) entendelo, pero hai outras formas de tratar o patrimonio que é necesario conservar, e que as administracións públicas -e as empresas concesionarias que custodian estes bens patrimoniais- deben coñecer e transmitir.

Non queda ben promover celebracións deste tipo con políticos, “dignatarios” e acólitos de toda índole, nin facer o parvo enriba dos muros con supostas recreacións, contribuíndo a destruír algo que se subvencionou con cartos de todos. Un recinto arqueolóxico non debería admitir certas actividades que poden danar estruturas e estragar futuros achados. En definitiva, estas actividades agresivas contribúen a prexudicar un ben arqueolóxico, pero tamén a anular ou desvirtuar información arqueolóxica relevante que poidera ser atopada en futuras escavacións.

Unha citania non é un circo. Mira que non haberá monte libre… Enriba, a cento cincuenta metros está o edificio do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (o PACC lansbrica” lle chaman), onde poderían manducar comodamente, ao acolleito na cafetería, tanto dignatarios coma acólitos, sen contribuír a deteriorar aínda máis o xacemento arqueolóxico de Lámbrica.

Ao que se ve… ao PACC, colaborador necesario da “noite de estrelas” e custodio de tan sobranceiro sitio arqueolóxico (o recinto da citania está pechado con aramio), tampouco parece importarlle moito a conservación do patrimonio… ou algo non entenderon cando se lles adxudicou o concurso.

Imaxes públicas procedentes de: https://facebook.com/concellodesanamaro.organiozacion/posts/pcb.161576015013227/?

Cando menos, estaría ben que na cea das estrelas os políticos falaran da necesaria declaración da citania de Lámbrica e do Santrocado como Bens de Interese Cultural, que aínda non o son. Se o fixeron, a conversa debeu esfumarse paseniñamente pra quedar esquecida entre vieiras e viño. Mágoa.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario