XIV. Os petroglifos da Ermida

Táboa

1. Os petroglifos da Ermida

2. Pero… Que significado poden ter?

3. A citania de Lámbrica

4. Coincidencias inquietantes

5. Unha proposta de interpretación

6. Epílogo: A peneda roubada

Situados no esquecemento, nun monte comunal chamado A Ermida (tamén coñecido como O Couto ou As Múas) na parroquia ourensá de Eiras (concello de San Amaro), sobreviviron miles de anos a non moita distancia da citania de San Cibrao das Las, Lámbrica

Non está claro o significado das representacións gravadas en rochas, datadas en xeral desde finais do Neolítico ata a Idade do Ferro. Pero en Eiras prodúcense algunhas curiosas coincidencias no panel dos petroglifos, atopados a finais dos anos oitenta, cando foron extraídas unhas rochas erosionadas que había naquel lugar. Unha delas foi depositada como fonte ornamental na área recreativa que se estaba a construír ao pé da citania de Lámbrica, en San Cibrao das Las.

1. Os petroglifos da Ermida

Os petroglifos da Ermida están gravados na parte superior dunha rocha de granito que ten uns 6 metros de longo por case 3 de anchura, lixeiramente inclinada cara o sur.  A súa altura é variable, debido á inclinación do penedo e á propia disposición do terreo. Pola súa parte máis alta, cara o leste, ten aproximadamente 1,60 metros de altura, pero polo noroeste pode accederse facilmente á súa parte superior. A altura na parte leste permite a un observador de estatura media ver os solpores dende o chan, cos ollos á altura da parte horizontal e superior do penedo, onde están os gravados. 

No panel podemos diferenciar claramente cinco figuras circulares con coviña central ben marcada e liñas concéntricas arrodeándoa. As catro figuras máis grandes responden á tipoloxía típica das combinacións circulares. As súas coviñas teñen diámetros que oscilan entre os 8 e os 16 centímetros e unha profundidade de 1,5 centímetros. O diámetro total das figuras vai dende os 20 ós 50 centímetros. Desas catro figuras hai unha que destaca especialmente pola súa magnitude, o seu maior número de círculos concéntricos e a presenza de liñas radiais. Trátase do petroglifo A.

Petroglifo A
Petroglifo A

O modo de execución dos catro petroglifos maiores (A, B, C, D) debeu ser con técnicas de picado, posiblemente con instrumentos líticos de punta roma complementado con labouras de fretamento. O resultado é o de sucos moi anchos, nos que tamén incidiron seriamente os procesos erosivos. 

O petroglifo máis pequeniño (E) consta dunha coviña duns 3 centímetros de diámetro e case dous de profundidade. É de tipoloxía moi desemellante ás anteriores, empregándose posiblemente instrumental metálico para a súa realización. A súa distinta factura fainos pensar nun gravado máis tardío que o do resto das figuras.

Petroglifo E
Petroglifo E

2. Pero… Que significado poden ter?

É difícil, por non dicir imposible, chegar a saber exactamente o que se intentou representar nos petroglifos. Pero na Ermida contamos cunhas curiosas “casualidades” que poden darnos pistas sobre o posible significado dos gravados rupestres, aínda que sen ánimo de xeneralizar.

De esquerda a dereita: petroglifos A (fragmento), C e B

As relacións (casualidades?) con eventos astronómicos definidos e a coincidencia deses mesmos fenómenos astronómicos, vistos dende o alto da citania de Lámbrica, con fitos xeográficos particulares da contorna, animou a aventurar algunha proposta.

Tendo en conta as características da rocha, que permiten dende a súa parte oriental unha cómoda observación do horizonte oeste, fixámonos nos seguintes eventos astronómicos que teñen relación cos solpores:

1.- Nos solsticios de verán, arredor do 21 de xuño, os petroglifos están en liña co punto de solpor. É un feito indiscutible, aínda que non poidamos probar de momento tal intencionalidade.

Solpor no solsticio de verán
De esquerda á dereita: petroglifos B (na sombra), C e A
Próximo o solsticio de verán: A e B en liña co solpor

2.- Os petroglifos A forman unha liña que se aproxima moito ó norte magnético. Igual que o anterior, tamén un feito indiscutible, aínda que dubidemos da intencionalidade dos seus gravadores.

3.- Os petroglifos A e D tenden a aliñarse co punto de solpor nas épocas do solsticio invernal, arredor do 21 de decembro. Aínda que tal aliñamento non chega a producirse, o máis sorprendente é que a prolongación desa liña DA cara o nordeste parece apuntar cara o castro de San Cibrao das Las, Lámbrica, distante dous quilómetros, aínda que sen visibilidade directa. Representaría o petroglifo A o monte onde está a citania? De ser así, podería explicar o seu maior tamaño, en relación coas outras insculturas da Ermida.

Petroglifo D

4.- Os petroglifos A e C forman liña recta co solpor algúns días despois do equinoccio de primavera, arredor de 11 días. É dicir, faltando 81 días para o solsticio de verán. Por lóxica, o aliñamento volverá a producirse 81 días despois do solsticio de verán, ou sexa, arredor do 10 de setembro, cando falten 11 días para o equinoccio outonal.

De esquerda a dereita: petroglifos B, C e A
Petroglifo C
De esquerda a dereita: petroglifos A, C e B

As cronoloxías que se manexan para os petroglifos da tipoloxía dos A, B, C e D da Ermida abarcan un longo período entre os finais do Neolítico e a Idade do Bronce. De finais do Neolítico proceden tamén as tradicións megalíticas, das que coñecemos nesta zona algúns exemplos: dúas mámoas inmediatas ao castro das Las e outra mámoa inmediata á rocha dos petroglifos da Ermida. 

3. A citania de Lámbrica

As mámoas da citania das Las e Ourantes son pegadas que deixou o home en tempos anteriores á Idade do Ferro nese lugar. No alto onde actualmente existe a citania gózase dunha ampla visión do territorio circundante.  

Na parte central da citania que hoxe podemos ver hai vestixios dun recinto sacro e, pegadas á muralla interior dese recinto, atopamos dúas pedras orientadas, unha delas romanizada cunha dedicatoria a Xúpiter. Na construción da muralla, esta rocha e a súa compañeira foron respectadas, polo que podemos supor que algunha tradición milenaria dos construtores castrexos debeu impedir a súa destrución. Os romanos (ou os “romanizados“) poríanlle, atendendo á súa importancia simbólica para os poboadores do castro, a inscrición “IOVI”. A orientación de ambas rochas é norte-sur, deixando un oco leste-oeste coincidente cos solpores e cos abrentes equinocciais, ou próximos aos equinoccios.

Lámbrica. A rentes da muralla, pola súa parte interior, hai dúas rochas. A que ten a inscrición “IOVI” é a da esquerda

Dende o alto da citania de San Cibrao das Las, se seguimos os eventos astronómicos citados e fitos xeográficos, vemos que as liñas imaxinarias que se trazan teñen paralelismos coas que se forman na rocha dos petroglifos.

O punto E, que corresponde na rocha co petroglifo máis atípico (unha coviña de pouco diámetro, posiblemente máis tardía que as figuras anteriores) coincide no mapa topográfico co cumio do monte do Santrocado, a máxima altura da contorna, a 550 metros sobre o nivel do mar. 

Fotografía anterior orientada

4. Coincidencias inquietantes

No mapa da contorna pode apreciarse como o deseño dos petroglifos da Ermida parece reflectir a distribución de zonas “sobranceiras” pra os poboadores daquelas terras dende a Idade do Bronce. Dende o alto dos outeiros -niste caso o outeiro do castro das Las- decidiríanse as tarefas a realizar en cada época do ano. Igual que en moitas outras sociedades antigas, os grupos dirixentes estarían moi unidos ou identificados cos grupos relixiosos, concedéndolle así un carácter sacro a determinados territorios que será herdado ao longo dos tempos, aínda que mude o sistema cultural ou a relixión. É o que debeu acontecer co cumio do outeiro do castro das Las tanto coa chegada dos romanos, que inscribirían “IOVI” nunha rocha, coma co cristianismo, gravándose cruces en laxas próximas. 

Coincidencias xeográficas

É posible que os gravadores dos petroglifos da Ermida, a través dos solpores solares, foran capaces de trasladar á peneda a visión do territorio circundante da que gozaban dende o outeiro das Las (Lámbrica), podendo así seguir os movementos estacionais ou os ritos que sinalaría unha élite alí instalada. 

Coincidencias astronómicas

A diferente tipoloxía e o maior tamaño do petroglifo A da Ermida, con liñas radiais e maior número de liñas concéntricas, fai pensar nese gran centro cultual que permanecerá ó longo do tempo na parte central do castro ou citania de Lámbrica. 

Os petroglifos da Ermida, ademais de ser un marcador estacional ou cronolóxico (calendario), poderían mostrar a disposición de distintos territorios (mapa) aos que irían movementos estacionais de gando ou nos que se realizarían labouras agrícolas ou cerimonias cultuais en determinadas épocas do ano, ás que posiblemente acudirían todos os poboadores da contorna.

O alto daquel outeiro de San Cibrao das Las podería ser xa na Idade do Bronce lugar de control territorial no que xurdirá, andando o tempo, xa nos séculos da Idade de Ferro, a citania de Lámbrica.

5. Unha proposta de interpretación

A superposición do esquema dos petroglifos da Ermida no mapa da contorna fai coincidir posibles lugares representados no “mapa” da Ermida coas letras BC e D con elementos xeográficos reais que poideron ostentar algún tipo de sacralidade ou relación con cultos, lugares “especiais” dos que coñecemos outros paralelismos: sitios elevados, presenza de outeiros con grandes penedas, abundancia de auga…  

Estes fitos xeográficos que procuramos están claramente relacionados cos fenómenos solares, pois dous deles sinalan os puntos de solpor nos solsticios de inverno e verán, vistos desde Lámbrica.

Expliquémonos: os fenómenos solares que poden verse na pedra da Ermida representados en cada solpor solsticial (aliñamento de dous petroglifos co Sol) poden tamén ser experimentados dende a citania de Lámbrica, coa salvedade de que agora será o propio punto de observación (a citania) o que estará aliñado cun dos fitos xeográficos que imos enumerar e cun solpor solsticial de verán. 

A cronoloxía da posible “utilidade” ou ritual desas observacións e a súa representación na Ermida é difícil de delimitar, pois aínda que este tipo de gravados en rochas proceden da Idade do Bronce, eses lugares de culto poden permanecer longo tempo, incluso durante milenios, con maiores ou menores transformacións. Nada impide, logo, que durante a época castrexa e a romanización se seguiran a practicar certos ritos ancestrais, como demostra o exemplo da ara de Bandua de Eiras, adicada a un deus antigo, prerromano, céltico ou indíxena, pero con epígrafe en latín. 

O primeiro lugar xeográfico a destacar é o de Piñeiro, coincidente coa letra B nos petroglifos, se o representa a Lámbrica. É un lugar elevado onde se atopa a igrexa de San Cibrao das Las. Queda xusto ao solpor do solsticio de verán visto desde o alto da citania de Lámbrica. A igrexa parroquial sería a auténtica testemuña que temos hoxe de cultos ancestrais nese lugar. O topónimo (de Pinniarium) parece aludir á abundancia de penas ou penedas, un outeiro, que o tempo iría transformando. É un lugar axeitado para algún tipo de culto, acrecentado pola singularidade de que se atopa xusto ao noroeste da citania de Lámbrica, é dicir, onde os da citania verían as postas de Sol no solsticio de verán, as datas sinaladas nas que o Sol se “detén” na súa “viaxe” anual cara o Norte.

Pola súa parte, o lugar inmediato aos petroglifos da Ermida, chamado tamén O Couto, quedaría xusto ao suroeste de Lámbrica, é dicir, no punto de solpor do solsticio de inverno, cando a “viaxe” do Sol cara o Mediodía se “detén“. No panel dos petroglifos, esta figura é a que leva a letra D. Na Ermida, ademais da peneda dos petroglifos, atopamos unha mámoa e un cruceiro. O topónimo procede da presenza dunha antiga ermida ou capela, da que fala un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa de AS MÚAS, anexa á ERMIDA de SAN COSME E SAN DAMIÁN na feligresía de Santa Uxía de Eiras, xurisdición de Roucos en 1695

A Ermida. Cruceiro

As Múas é un microtopónimo que se utiliza no lugar para referirse a aquelas paraxes. A sacralidade do lugar da Ermida, do Couto ou das Múas, estaría representada pola presenza desa antiga ermida cuxo recordo está só na toponimia, pois non existe memoria algunha na tradición oral da parroquia sobre tal capela. É posible que fora derrubada no século XVIII. Cabe preguntarnos se procedería a ara de Bandua dese lugar, pois non son infrecuentes as ubicacións de antigas aras en ermidas, como sucede na veciña de Santa Lucía de Erbededo, antiga parroquia de Santo André, que aínda hoxe posúe unha ara no seu interior. Poderiamos pensar que, ao destruírse a ermida das Múas, os donos do pazo de Eiras puideran levar a ara para os seus xardíns, sostendo con ela unha mesa arrodeada por unha bancada, labradas en granito con factura que parece dos séculos XVII ou XVIII. Alí se conservou a ara ata 2017.  A vinculación dos donos das casas fidalgas coas Múas chegou ata mediados so século XX coa propiedade da “casa da Ermida“. 

Voltando aos petroglifos, o círculo máis pequeniño coincide na superposición no mapa  co monte do Santrocado. Sería a figura E  e coincide cunha singular altura na contorna, lugar de culto e romaría cada 15 de maio, onde se xuntaban as procesións parroquiais de Eiras, Laias, Ourantes e as Las.

O Santrocado

A derradeira figura que nos queda (C) non é doada de identificar xeograficamente, aínda que parece coincidir con zonas húmidas, nas que hai microtopónimos como As Lagoas ou O Trulleiro, entre Loucía e Andrade, por onde empeza a nacer o regato da Fareixa.

Con esta proposta parecen cadrar fenómenos astronómicos solsticiais coa disposición terrea ou xeográfica de lugares susceptibles de cultos, con penedas, en lugares altos ou con abundancia de auga.   

As inquedanzas solsticiais dos (dalgúns) homes ao traverso dos tempos nestas terras tamén poden percibirse no aliñamento solsticial de inverno de dous penedos na capela do Santrocado, concordante co observado nas terras de Amoeiro, no Abeiro do Raposo.

Outro aliñamento singular, xa histórico, detéctase no século XVIII, cando algún dos posuidores da Casa Grande de Eiras ubicou a ara de Bandua (que, curiosamente, procede da Ermida) prolongando a orientación, neste caso equinoccial cara o Leste, que marca o eixo lonxitudinal da igrexa de Santa Uxía. Moita casualidade… non si? Semella que os asistentes ás funcións relixiosas na igrexa de Eiras, “miraban”, sen sabelo, cara a ara de Bandua que estaba uns oitenta metros máis cara o Leste, detrás do altar.

Independentemente das hipóteses esbozadas, podemos percibir claramente que a citania de Lámbrica nunca foi allea á súa contorna. Ademais dos lugares simbólicos, de reunión ou de culto que parecen representados na pedra da Ermida, existen unha serie de pequenos castros e establecementos agropecuarios, algúns deles orixe de aldeas actuais, que contribuíron a que Lámbrica chegara a ser o que hoxe admiramos na cima daquel outeiro onde, sen remedio algún, se urbaniza sen miramentos con prescindibles centros de interpretación que, pra nada, teñen en conta o que sucedeu nin o que hai arredor de Lámbrica

Cando se remata este texto, os petroglifos da Ermida permanecen no máis profundo dos esquecementos, cubertos de vexetación e piñeiros e expostos a todo tipo de agresións. Da ara de Eiras xa… nin falamos.

Haberá boas razóns pra tanto esquecemento?

Epílogo: A peneda roubada

Esta peneda, ubicada hoxe ao lado do “centro de interpretación” de San Cibrao das Las, procede, por imposición caciquil, comercio ilegal e prácticas de desleixo patrimonial, da contorna dos petroglifos da Ermida.

Estaba colocada nun pequeno outeiro, a poucos metros dos petroglifos, ao lado esquerdo do camiño que vai cara as Múas, coa cara máis erosionada orientada ao norte. Tamén estaba colocada á inversa de como está na fotografía, coa parte inferior arriba. Pero non era a única. Había outra máis pequena que as mesmas prácticas que acabo de enumerar fixeron desaparecer. Tiña gravado algún podomorfo. Non roubaron pedras, roubaron coñecemento. Xa é imposible reconstruír a contorna e verificar se a súa colocación tiña relación con eventos solares ou astronómicos, por exemplo. Quedou algo máis baleira a contorna dos petroglifos.

© F. González Iglesias. Maio 2023.

Bibliografía

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: “O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense”. en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009. ISSN 1577-3205.

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: “Os petroglifos da Ermida en Eiras, solsticios e territorio”. Ágora do Orcellón 18. Páx. 32-45. Vigo. Xullo de 2009. ISSN 1577-3205.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario