XX. Un retablo de Castro Canseco en Eiras

O retablo principal da igrexa de Eiras é obra de Francisco de Castro Canseco, un artista nado en Valderas (León) que traballou en Ourense, Compostela e Tui. Na provincia de Ourense destacan o retablo da capela do Santísimo Cristo na catedral, o retablo maior do mosteiro de San Rosendo de Celanova e outros traballos na propia catedral e na igrexa de Santa Eufemia do Norte, coñecida tamén como de San Domingos ou Santo Domingo

Castro Canseco tamén foi autor da fachada do mosteiro de Oseira, que fai ángulo coa da igrexa, e dun espectacular retablo maior que había na igrexa de San Domingos de Ribadavia, retablo que actualmente xa non se conserva porque foi desmontado.

No interior da igrexa de Santa Uxía de Eiras destaca o retablo maior, obra de Francisco de Castro Canseco, erguido en 1704 con madeiras de castiñeiro e nogueira. Foi tallado en Ourense e transportado a Eiras nunha ringleira de carros. 

Ten dous corpos (tamén pode definirse como de un corpo e un ático) e tres rúas verticais. As rúas verticais do corpo principal están delimitadas por esveltas columnas salomónicas de cinco voltas cheas de vides e acios de uvas. A principios do século XXI o retablo foi restaurado, aínda que a colocación dalgunhas imaxes non foi moi respectuosa coa disposición orixinal.

No corpo superior, ou ático, estaba a imaxe de Santa Uxía, posiblemente obra do autor do retablo. Santa Uxía ten os atributos da espada e da palma do martirio. Esta escultura foi realizada expresamente para ser contemplada dende abaixo, alongando desproporcionadamente o seu canon, de modo semellante ao dos anxos que están nos extremos superiores do retablo, por iso a colocación no ático é a máis axeitada, sendo a decidida na disposición orixinal do retablo. Arredor da  fornela da patroa existen representacións dos astros: Sol, Lúa e estrelas, unha delas con forma de cruz.

A imaxe de San Xosé estaba no corpo inferior e na rúa do Evanxeo, á esquerda do espectador. A imaxe de San Xoán Bautista estaba á dereita, na rúa da Epístola, manténdose aínda hoxe no seu lugar orixinal. Atribúense a Castro Canseco, pero poderían ser anteriores, do século XVII, e reaproveitadas no retablo de 1704.

O retablo recibe luz natural dunha ventá rectangular vertical, situada a rentes e á dereita do espectador. Polo lado norte non ten ningún tipo de iluminación do exterior. A claridade da dereita contribúe a resaltar as formas ampulosas e barrocas do monumento e das imaxes, dándolle así máis vistosidade.

O sagrario deste retablo, na parte inferior, foi substituído a mediados do século XX polo que se pode ver hoxe, pois no antigo seica entraban os ratos. O sagrario orixinal tiña unha porta de madeira onde estaba esculpida en relevo a escea da Resurrección de Xesucristo, pertencente ao obradoiro de Castro Canseco. Na década dos anos noventa do século pasado aínda podía verse gardada nun armario da sancristía. 

Nas fotografías que se expoñen, tomadas en 1995, vemos ao San Xosé na súa ubicación primixenia, á esquerda do altar, mirando dende a nave, no lado do Evanxeo. O San Xosé é unha deliciosa escultura do mellor barroco galego que resume perfectamente as características da arte relixiosa da época: Un pai que mostra ao seu Fillo con dozura, soportando o vento que lle move as vestiduras pola súa parte dereita, o vento que chega da parede norte do templo. A súa intención, posiblemente, sería inserir agarimo, paciencia e amor paternal nos fieis.

Esta imaxe estaba orixinalmente na parte esquerda do retablo, no lado do Evanxeo, colocada simetricamente ao San Xoán Bautista que está na parte dereita, tamén chamada da Epístola. Así un santo representa ao Antigo Testamento e outro ao Novo. Ambas imaxes, entre columnas salomónicas de cinco voltas inzadas de vides, flanqueaban a rúa ou parte vertical central do retablo, onde debeu existir un expositor do Santísimo.

O retablo en xeral transmite movemento, inquietude, pero tamén calma e sosego. As súas abigarradas decoracións, os entrantes e saíntes do entablamento, as voltas das columnas, os claroscuros producidos polas variacións de luz natural e sombra ao longo do día e os pregados intensos das roupas -especialmente nas de San Xosé- mostran sensación de fugacidade e ímpeto, contrastando coas actitudes serenas e pausadas dos rostros das imaxes e dos anxos, que delatan o gozo da fe en Deus. En definitiva, transmisión de movemento e calma á vez, unha característica moi coñecida e reiterada na estética barroca.

Bibliografía

GARCÍA IGLESIAS, J. M.: “Francisco de Castro Canseco (Ca. 1655-1714), en la actividad artística de Galicia”. Laboratorio de Arte: Revista del Departamento de Historia del Arte. ISSN 1130-5762. Nº 5, 1. 1992, pp. 241-263 (PDF).

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario