IX. As primeiras publicacións de Florentino López Cuevillas sobre a citania de San Cibrao das Las

Entre os anos 1921 e 1927 coñecemos varios artigos publicados por Florentino López Cuevillas relativos á citania de Lambrica, entre San Amaro e Punxín, aínda que, por aquelas datas, Cuevillas nin sospeitaba que ese nome figuraba na ara de Eiras.

Estas publicacións están relacionadas cos primeiros traballos de prospección que se fixeron no castro das Las e Ourantes entre os anos 1922 e 1925, tras unha primeira visita ao xacemento no ano 1921.

Os primeiros artigos de Cuevillas sobre a Citania de Las e Ourantes son publicados na Seición Arqueolóxica da revista Nós en 1921 “O Castro A Cibdade en San Ciprián das Las” (Nós, tomo I, núm. 10; tomo II, núm 13. Ourense, 1921).

Na mesma revista Nós tamén temos artigos da Cidade en 1922: “O Castro A Cibdade de San Ciprián das Las” (Nós, núms. 10, 12 e 13. A Coruña, 1922).

Entre os anos 1924 e 1927 publícanse varios traballos no Boletín de la Real Academia Gallega que levan como título “A Citania do monte A Cidade en San Ciprián das Las“, como se o mesmo Cuevillas se dera conta de que falar da citania das Las non tivera fin:

📖 Boletín da Real Academia Gallega número 164, páxinas 201 a 206 (1924). Contén algunhas consideracións sobre as citanias. Cando fala do emprazamento das Las, chaman a atención a descrición e a fotografía da calzada que sube dende Barbantes á citania de Lámbrica. En verbas do propio Cuevillas: “Iste camiño, ancho de mais d’un metro, e cuya antiguidade loubáronme moito as gentes do país, ten duas particularidás dinas de seren notadas: o estar en case que tod’a sua extensión estrado de lajas de pedra de grá, y-o morrer ô pé mesmo d’A Cidade”. 

📖 Boletín da Real Academia Gallega Galega número 165, páxinas 227 a 232 (1924). Fala das murallas, daquela derrubadas, das portas e das medidas do xacemento, calculando, cos métodos de Schulten, que viviría no castro unha poboación cercana ás 7000 persoas.

📖 Boletín da Real Academia Gallega número 166, páxinas 250 a 257 (1924). Neste artigo descríbense algunhas construcións, unha no recinto central (que semella un tanque de auga) e unha pedra insculturada.

📖 Boletín da Real Academia Gallega número 167-168, páxinas 301 a 305 (1925). Un artigo sobre pequenos obxectos de metal aparecidos na Cidadefevillas (sic) de bronce, un alfinete (tamén de bronce, de oito centímetros), armas (dúas espadas de antenas e algún puñal) e doas de vidro. As fevillas usábanse para amarrar cintos, correas de escudos e arreos de cabalos, mentras que as fibelas (fíbulas) serven, segundo Cuevillas, para prender a roupa. Tamén hai pequenas doas de pasta vítrea, que formaron parte de colares.

📖 Boletín da Real Academia Gallega número 169, páxinas 7 a 13 (1925). Todo o traballo versa sobre as diversas tipoloxías de cerámicas que apareceron no xacemento (olas grandes, potes, xerros, cuncas?) pero tamén nos informa da aparición dunha pedra de anel de cornalina e de tres moedas romanas.

📖 Boletín da Real Academia Gallega número 193, páxinas 1 a 9 (1927). Ademais de outros achádegos, como doas de vidro, fíbulas ou cerámicas, fálanos da fonte monumental e de como se descubriu. Como dato curioso recolle o nome que lle daban os habitantes dos arredores: O Puzo das Armas.

Ler os traballos de Cuevillas merece a pena, non só polo seu interese arqueolóxico e documental, senón porque nos permiten gozar dunha fermosa escrita da fala dos nosos devanceiros, naquelas aldeas onde aínda os académico-políticos non se atreveran a pór a súa gadoupa e onde as persoas podían expresarse sen constrinximentos normativizadores.

Con estes artigos podemos aprender moito sobre a citania de Lambrica. Ata é posible que Cuevillas ofreza máis información que todas as escavacións realizadas dende os anos oitenta do século XX, nas que se invertiron escandalosas cuantías procedentes do diñeiro público e coas que se obtivo un pírrico resultado, tanto no eido da investigación como no da realización de publicacións, na conservación ou na posta en valor do propio xacemento, incluíndo o carísimo centro de interpretación.

Da citania das Las, Lambrica ou Lámbrica, e dos seus arredores, aínda queda hoxe moito do que falar, fóra do consabido e repetidísimo “San Cibrán de Las é un xacemento que, pola súa configuración formal e monumental, constitúe un verdadeiro arquetipo dos castros da etapa final da cultura castrexa (…)” copiado insistentemente en folletos e páxinas web.

De feito, a maior carencia que presenta actualmente o xacemento é a falta de difusión de publicacións, o que redunda nun descoñecemento da citania da Idade do Ferro e das súas particularidades.

A “inversión” realizada na musealización aínda pechou máis o acercamento á citania por parte de veciños e visitantes. Non existe un catálogo público e accesible dos achádegos que se levan recollido dende hai máis dun século, nin se reúne o atopado nas diversas campañas en exposicións permanentes e completas.

Está claro que o diñeiro por si mesmo non é capaz de aportar cultura e coñecemento, requiríndose para elo, necesariamente, moita sensibilidade, traballo diario, humildade, apertura e colaboración.

F. González. Marzo 2025.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario