XI. O castro do Coto do Santrocado

Táboa

1. O Santo

2. O castro do Coto do Santrocado

3. O aliñamento arqueoastronómico

4. A relación con outros poboamentos antigos arredor do Santrocado

Na ribeira do grande río galego, non lonxe da aldea dos Solovio, a maina curva dun meandro demarca a larganza e fartura da veiga chá, de fondo terrón fillo do río, presidida ao Leste polo esquemento azul do Coto da Bidueira. Ten as abas vestidas de piñeirais crecedeiros e o peito asucado polas arroiadas da invernía. Os ribeiráns chámanlle coto cun senso de amor como cousa mimada, presente a todas as horas das súas sazóns, e mírano como algo vivinte, pois ten o cume figura de testa de gato ou de moucho, e ata figura con certos ventos e con certos soles acenar as orelliñas feitucas.

(OTERO PEDRAYO, Arredor de Si, cap. XII. 1930).

O castro do Santrocado, Santorcado ou Santorcato (“o santo que leva o torque“), tamén chamado nos arredores “O Coto“, está no cumio do monte do mesmo nome, a uns 550 metros de altitude sobre o nivel do mar, situado na marxe dereita do río Miño ao seu paso pola provincia de Ourense, entre Arrabaldo e Trasariz. O nome de “Coto” pode derivar do latín acutus, co significado de puntiagudo ou afiado.

Na parte máis alta do Coto hai unha capela na que se celebraba unha concorrida festa, a romaría do San Torcado o 15 de maio, á que acudían os devotos das parroquias dos arredores do monte: San Cibrao das Las, Ourantes, Laias e Eiras, coas súas cruces e pendóns. Os veciños de San Cibrao das Las subían a imaxe que aínda hoxe se conserva na súa igrexa. Aproveitando a procesión, que recorría a cima do monte, bendecíanse os campos da contorna, poñendo ao santo nun curioso penedo que hai a certa distancia ao sur da capela. Despois, tamén era tradicional o concurso de bandas de música, xa que cada parroquia levaba a súa.

1. O Santo

Cóntase que na capela había unha imaxe do santo, que popularmente tamén se chegou a identificar con San Isidro, pois celébranse o mesmo día e… ademais… é labrador. Esa imaxe que había na capela, con atributos de bispo, según se fala, foi levada dalí nos anos sesenta desaparecendo pra sempre. Falouse de roubo… pero tamén hai que recordar que a Igrexa, a raíz dun decreto sobre a separación do relixioso e o profano, motivou o abandono da capela a mediados do século XX. Dende finais dos anos oitenta, e despois dunha restauración, incluíndo baldosas máis apropiadas pras cociñas, colocaron ao lado do altar unha nova escultura do San Trocado feita en granito.

San Torcato ou Trocado seica era bispo, un dos sete Varóns Apostólicos da tradición cristiá, xunto con Tesifonte, Segundo, Indalecio, Eufrasio, Esiquio e Cecilio. Parece que os Varons Apostólicos eran, xunto con Atanasio e Teodoro, discípulos do apóstolo Santiago. Contan que se debe a eles a traída do corpo do Apóstolo á Gallaecia nunha barca de pedra, seguramente aludindo á carga que transportaba (pedra, minerais… un mineral é, vulgarmente falando, unha “pedra“). Outros din que foron enviados por San Pedro a España, xunto a San Pablo.

A lenda da barca de pedra pode estar inspirada nas rutas prehistóricas do comercio marítimo que percorrían o Atlántico, polas que os pobos do ámbito mediterráneo se achegaron ao Noroeste co anceio de obter o estaño, un metal imprescindible para poder fabricar o bronce. 

Disque os Varóns Apostólicos foron perseguidos por non darlle culto aos deuses oficiais, entre eles a Xúpiter, o deus ao que os habitantes de Lámbrica lle inscribiran unha adicatoria, ou ofrenda, nunha peneda da súa citania. Pero os romanos xa fixeran con Xúpiter o mesmo que fixo a Igrexa cos seus santos: aproveitaron costumes e crenzas máis antigas para introducir nos pobos os novos cultos. Na contorna do Santrocado, antes de que os romanos obrigasen a darlle culto a Xúpiter, xa existía, cando menos, unha divindade chamada Bandua.

2. O castro do Coto do Santrocado

As primeiras ocupacións coñecidas do castro do Coto do Santorcado, ou Santrocado, enmárcanse entre o Bronce final e a Idade do Ferro inicial, o que podiamos situar entre os séculos VIII e VI antes de Xesucristo, época da que podemos destacar a aparición de restos de fogar decorado no antecastro e dunha “punta de lanza de bronce composta por unha folla lanceolada de nervo central e unha lingüeta con dúas perforacións dispostas en sentido lonxitudinal” (FARIÑA BUSTO e XUSTO RODRÍGUEZ). Estes autores tamén se refiren aos restos dun vaso carenado de tradición Alpiarça

Aínda que o castro fose datado entre os séculos VII e VI antes de Cristo, podemos supor que as ocupacións humanas son moi anteriores por aquelas terras, xa que se trata dun fito territorial, a máxima altura da contorna. Enlazaría esta primixenia ocupación coa estación paleolítica da Chaira, que se estudou na mesma ladeira occidental da citania de Lámbrica.

Sería posiblemente na época do Bronce cando se comezaron a realizar traballos mineiros metálicos nos arredores, ao sur do propio Santrocado (Laias, Razamonde) e nos montes de Xinzo e da Ermida e das Múas en Eiras, onde, asociados aos filóns de cuarzo, extraíase casiterita, un mineral de estaño, e ouro. Hai que recordar que o estaño forma parte da aleación do bronce, xunto co cobre, polo que estaríamos a falar dun mineral estratéxico naquela época, moi buscado polos pobos do ámbito mediterráneo. Non é necesario falar da importancia do ouro.

Nas inmediacións do alto do monte tamén se observaron indicios dalgún enterramento individual en pequeno dolmen ou cista, formado por laxas verticais que forman un edículo de planta rectangular orientado de leste a oeste. Non conserva a laxa horizontal ou superior. Este tipo de estruturas funerarias poden suporse da Idade do Bronce, anteriores, por tanto, ao castro propiamente dito. 

O castro do Coto foi moi modificado por obras de aparcamento e lecer. A súa superficie pode acadar 1,70 hectáreas. Podemos salientar a muralla máis exterior, occidental e meridional, da que se conservan os lenzos derrubados. É a parte máis visible.  

Arredor da capela, pero só pola súa parte occidental, existe outro lenzo de muralla castrexa, máis interior que o anterior. Este pequeno lenzo pode apreciarse, moi parcialmente, a tan só uns 10 ou 15 metros da ermida. 

Non é difícil atopar fragmentos de cerámica, aínda que as obras do aparcamento e outras modernidades cubriron de terra que trouxeron doutros lugares, modificando e desvirtuando o chan da cima do Coto

Na Gran Enciclopedia Galega, na voz “San Amaro”, dise que

Del coto de San Trocado, que está a poca distancia del Sur de A Cidade y también en el municipio de Punxín, proceden objetos de hierro recogidos de antiguo e interpretados como instrumentos de labranza”. 

“Las cerámicas de tipo castreño, tanto lisas como decoradas, afloran frecuentemente, así como molinos y otras piezas líticas. Conserva restos de varios lienzos de muralla y ha sido bastante destruido con la repoblación forestal. En su parte alta (550 m.) se enclava la capilla del santo homónimo, en honor del cual se realizaba el 15 de mayo la bendición de los campos de Galicia en una curiosa romería presidida por el párroco de Las y en la que participaban las cuatro parroquias colindantes. Sobre el yacimiento existe documentación medieval y moderna y no es de descartar la presencia de algún asentamiento posterior al castreño con fines de control del territorio.” 

3. O aliñamento arqueoastronómico

Na capela foi observada unha inquietante coincidencia arqueoastronómica, unha liña que une o punto de solpor do solsticio de inverno co punto de abrente do solsticio de verán e que pasa por dúas penedas singulares con pías. Enriba da traxectoria desa liña situaron a actual ermida do San Trocado, de xeito que o aliñamento pasa exactamente polo centro da ábsida. 

A primeira peneda está a rentes da parede leste da capela, contendo unha ampla pía natural. A pedra contén signos de marcas territoriais. Na fotografía e no esquema sinálanse como “Peneda A“. 

A segunda peneda implicada no aliñamento atópase no chan, a escasos metros da capela e en dirección suroeste. Ten unha profunda pía, que fai pensar nalgún elemento vertical que poidera sosterse nela. Tanto na fotografía coma no esquema sinálanse como “Peneda B“.

Aliñamento solsticial na capela do Santrocado (San Amaro e Punxín, Ourense)

O aliñamento ten que ser anterior á construción da ermida, xa que os eventos astronómicos (solpor solsticial de inverno ou abrente solsticial de verán) non poden percibirse agora dende a peneda máis alonxada do sol, pois a capela interrompe a liña visual. Tamén é grande casualidade que a liña imaxinaria que une as dúas penedas cos puntos de solpor solsticial de inverno e de abrente solsticial de verán pase polo centro da ábsida do templo, xusto no sitio no que se instalou o altar do San Trocado. Será unha disposición que acolle pervivencias de ritos antigos pra adecualos a relixión cristiá?

Esa liña que segue a orientación nordeste-suroeste é, curiosamente, a prolongación da liña de solpor solsticial de inverno que observaron no Abeiro do Raposo, en Amoeiro, GARCÍA QUINTELA e SANTOS ESTÉVEZ. Dende ese lugar do Abeiro é posible ver ocultarse o sol xusto enriba do cumio do Santrocado, é dicir, exactamente polo suroeste, nos días previos ao Nadal. A maiores, entra no abeiro por unha fenda a luz directa dun raio alumeando un singular petroglifo. Hai quen sostén que ese petroglifo que hai no Abeiro do Raposo reproduce a silueta ou o perfil do monte do Santorcado.

O solsticio de verán, cando os días son os máis longos de todo o ano, permanece oculto nas actuais celebracións do San Xoán, o 24 de xuño. O solsticio de inverno, cando son maiores as noites que os días, pódese rastrexar nas celebracións de Santa Lucía (13 de decembro no calendario actual) e do Nadal. Todas estas celebracións proceden da noite dos tempos, sendo reutilizadas polo cristianismo, que lles foi sustraendo a súa significación primixenia.

As observacións astronómicas, especialmente as que teñen como protagonista ao Sol, eran fundamentais para poder percibir o paso do tempo en épocas nas que non existían calendarios nin reloxios. O descoñecemento científico dáballe a este tipo de observacións, que eran esperables e predecibles, un certo carácter máxico e relixioso aproveitado por aqueles individuos que accedían a posuír este tipo de coñecementos e que, polo tanto, tiñan capacidade de predición, axudando ao resto da comunidade pero obtendo á vez un maior status social, o que lle outorgaría maior poder sobre as súas xentes.

A situación privilexiada do monte do Santorcado, ou Trocado, con moderada altitude sobre a contorna, concédelle a singularidade de ser un mirador privilexiado sobre o val do Miño, pero tamén un punto de referencia para os grupos humanos que o contemplaban dende a distancia. Referencia que pode implicar inquietudes relixiosas e de organización territorial ou política. Un centro común e punto de encontro que vai más alá das divisións administrativas actuais. O aliñamento descrito, que se pode percibir en dúas datas moi concretas de cada ano solar, suporía unha manifestación social e relixiosa daquelas primixenias sociedades, non alleo aos grupos humanos da contorna.

4. A relación con outros poboamentos antigos arredor do Santrocado

Na súa ladeira meridional situábase o xacemento do Castelo de Laias, ou das Laias, indiscutible centro de habitación e mineiro, que semella moito máis antigo que a citania de Lámbrica. O xacemento de Laias foi derrubado en 1997 polas, seica inevitables, obras da autovía A-52. Xa fora investigado por CHAMOSO LAMAS, atopando tanques para o tratamento de minerais e un posible templo. Tamén CUEVILLAS falou de Laias (aínda que tanto CUEVILLAS como CHAMOSO chamábanlle Barbantes ao xacemento do Castelo) en Prosas Galegas: 

Por baixo mesmo das abas meridionais do monte do San Trocado, ábrese unha grande veiga, que hai dous mil anos había ser máis depósito de areas e de coíños que veiga na que se puidesen procurar canas de millo, vimbios e videiras. Estas terrazas eran daquela moi axeitadas para a explotación do ouro aluvial que arrastraban o Sil e mailo Miño, e un enxeñeiro de orixe francés, Louis Sauniez (sic), que fixo un estudo das vellas explotacións auríferas nas beiras dos dous ríos, sinalaba en Barbantes evidentes vestixios dun destes lavadeiros. Modernamente, entre o cume do San Trocado e a veiga de Barbantes, recoñecéronse ruínas dun poboado da época romana, con moitos elementos indíxenas (…)“. 

Ademais do poboamento do Castelo, outra serie de castros de menor entidade arrodean a este privilexiado xacemento do Santorcado: Castro Martiño, Eiras, Outeiro de Beariz, Casar do Mato, Ourantes, Veiga, Salamonde… Pero, entre todos eles, sobresae pola súa monumentalidade a citania de Lámbrica ou de San Cibrao das Las, “A Cidade“, ao norte e a escasa distancia do cumio do Santorcado.

O castro do Santorcado e a citania de San Cibrao das Las forman un só conxunto, pois Lámbrica dificilmente sería defendible polo Sur, de non ser a través de puntos de vixiancia situados no propio cumio do Santorcado, con amplísima visibilidade sobre o val miñoto, dende Arrabaldo ata Castrelo do Miño. Aumenta o interese desta privilexiada observación cando sabemos que o río Miño era navegable na Antigüidade, cando menos ata A Barca (hoxe Barbantes-Estación). Dende o Coto, os antigos poboadores dos arredores de Lámbrica controlarían o tráfico fluvial, pero tamén as subidas e baixadas polo camiño, despois calzada, que unía A Barca, na ribeira do Miño, con Lámbrica.

A Citania de Lámbrica vista dende o Coto do Santrocado

Nas inmediacións da propia Citania de Lámbrica (coñecida popularmente como castro de San Cibrao das Las) existe na ladeira noroccidental un penedo que ten gravado un perfil do monte do Santorcado.

Peneda co perfil do monte do Santorcado. Lámbrica

Na croa da mesma citania de Lámbrica atopamos outro penedo pequeno, inmediato ao sector occidental da muralla do recinto central, pola súa parte interior, que tamén recorda na súa silueta ao monte do Santorcado. En tal penedo foi insculpida unha adicatoria a XúpiterIOVI, unha segura romanización dun culto anterior, posiblemente relacionado cos montes e coas tormentas. Non deixa de ser curioso que o actual titular santo mitrado da capela do Santorcado, ou Santrocado, siga sendo, nas crenzas populares, un protector ou avoghoso contra o raio e o pedrazo ou saraiba.

Iste penedo de Lámbrica xa debía estar naquel lugar antes de construírse a muralla do recinto central da citania, posiblemente por recibir algún tipo de culto ou, cando menos, por ser respectado polas xentes dende tempos máis ancestrais. Por iso non foi removido nin destruído cando se ergueu a muralla. Actuarían, seguramente, motivacións relixiosas ou de culto que, moitas veces, pesan máis que as propias pedras. Non é posible saber se a adicatoria foi insculpida antes ou despois de facer a muralla.

Pedra na croa da citania de Lámbrica, con inscrición adicada a Xúpiter

No século VI sabemos que Martiño de Dumio, que chegou a ser bispo de Braga, andaba moi preocupado polos cultos que as xentes daban ás pedras, ás árbores e ás fontes.

O culto ao San Torcado podería verse entón como substituto de cultos moi anteriores no tempo. O noso santo, coñecido agora como San Trocado, comparte particularmente con Xúpiter os poderes sobre o raio, pois os máis vellos daquelas parroquias aínda recordan como se “bendicían” os campos no mes de maio e se lle pregaba ao santo para que protexera os cultivos das tormentas, tan temidas polas xentes do agro, tormentas que podían ocasionar anos de fame para familias enteiras. A bendición dos campos facíase despois dunha procesión polo cumio do monte, ata o “Penedo do Santo“, poñendo a imaxe do San Torcato na súa parte superior.

Penedo no monte do Santorcado

Un dos atributos cos que se representaba a Xúpiter en época romana eran os lóstregos que portaba nunha man. Ademais, a data na que se celebraba a romaría no coto do Santrocado, tradicionalmente o 15 de maio, foi pra os romanos a dos idus dese mes, días consagrados en Roma a Xúpiter, o deus máis importante do seu Panteón. Os idus eran os 15 de marzo, maio, xullo e outubro, e os 13 dos demais meses.

A pesar das evidencias do culto a Xúpiter nunha rocha, a citania de Lámbrica non contén ningún signo da esperada cristianización (capela, igrexa, cruceiro, pervivencia de cultos, procesións…) dos espazos de habitación precristián, como teñen na maioría dos castros ou citanias (Santa Trega, Troña… por exemplo). A conclusión á que poderiamos chegar é que a cristianización de Lámbrica se produce coa erección da capela no Coto do Santrocado, o punto máis alto, situado ao sur da citania. Ademais, a capela do Santrocado ten a súa fachada orientada, precisamente, cara a grande citania de Lámbrica.

presidencia do párroco de San Cibrao das Las na bendición dos campos pode ser unha reminiscencia do poder que, antes da cristianización e da división parroquial, chegou a alcanzar a citania de Lámbrica sobre os territorios colindantes, o que lle daría certa preeminencia aos celebrantes, precristiáns e cristiáns, procedentes daquel recuncho que hoxe é a parroquia de San Cibrao das Las.

Unha lenda do Castro Martiñoen Xinzo (Eiras), fálanos dunha mina que contén unha serpe que, baixo terra, chega ata a ‘Cidade. Pero, curiosamente, os informantes de Xinzo insistían en que a ‘Cidade‘ non era a coñecida Cidade de San Cibrao das Las, senón que era o castro do Santrocado, dándolle así a mesma “categoría” ao castro do Santorcado que á citania das Las. Podería ser un indicativo de que ambos castros (citania de Lámbrica e castro do Coto do Santrocado) exerceran simultaneamente a súa preeminencia sobre a contorna. Parece certo que, xuntos, adquiren maior significación.

En síntese, o monte do Santrocado é un referente, un fito territorial indiscutible naquelas terras, pero inseparable de Lámbrica, a citania que presidía politicamente a contorna, a deducir pola súa superficie, moi superior á dos outros castros que a arrodean, e pola potencia das súas defensas.

Perfil topográfico Lámbrica-Santrocado, e comparación co Urco

O fito do Santrocado e o poder político que ostentaba a citania de Lámbrica proxectaríanse xuntos non só pra os habitantes da súa contorna, senón que a súa influencia chegaría a comarcas máis distantes, dende as que aínda hoxe se pode contemplar a característica silueta do Santrocado, verdadeiro monte sacro destas terras e visible a ducias de kilómetros. Un fito no que os habitantes dese espazo, en todos os tempos, puxeron os seus ollos para tratar de darlle sentido á súa propia existencia.

CUEVILLAS fálanos en Prosas Galegas de que 

os antigos núcleos de poboación tiñan un centro relixioso común que era o adicado ó deus da guerra chamado Bandua, emprazado no cumio do Santrocado. A el debían concorre-las xentes dos castros veciños para celebra-las cerimonias dun culto común, que quizais tivese tamén un carácter político.” 

Hoxe, as repoboacións forestais con monocultivo, as talas indiscriminadas, os cortalumes ou devasas, as omnipresentes pistas cos seus asfaltados, os traballos con maquinaria pesada, mesmo no propio recinto do castro, as obras agresivas de todo tipo, maiormente públicas, son, dende o século XX, ameaza constante para a supervivencia de tan magnífica contorna do Coto do Santrocado. 

A toda esta calamidade aínda temos que engadir a total despreocupación polo Patrimonio que mostran as autoridades, pero tamén moitos dos veciños, o que conleva a inexistencia de escavacións, estudos, publicacións e actividades de divulgación que puideran redundar nun maior coñecemento da riqueza arqueolóxica do monte máis emblemático do Miño central, tan unido á citania de Lámbrica, pra contribuír á creación dunha maior riqueza económica pra o futuro desta terra, reiteradamente esquecida e maltratada. 

Como indicativo desta desidia secular, indicar que o conxunto Lámbrica-Santrocado-Laias, coas súas mámoas, castros, restos de minaría antiga, vilas romanas, aras, petroglifos… distribuídos por tres concellos, nin xiquera foi proposto para ser declarado Ben de Interese Cultural. Intúese que continuarán a sorprendernos aínda con máis desfeitas.

© F. González Iglesias. Maio 2023.

Bibliografía

BANDE RODRÍGUEZ, E.: La Romería de San Torcuato. Patrocinado por Caja Rural de Orense. Ourense. 1984.

CHAMOSO LAMAS, M.: “Excavaciones arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las y en el poblado y explotación minera de oro de época romana de Barbantes (Orense)” en Noticiario Arqueológico Hispánico III y IV. Páx. 114-130. Ministerio de Educación Nacional. Dirección General de Bellas Artes. Madrid, 1956.

CUEVILLAS, F.: Prosas Galegas. Galaxia. Vigo. 1982.

FARIÑA BUSTO, F.; XUSTO RODRÍGUEZ, M.: “Coto do Santrocado (San Amaro-Punxín-Ourense)” en Arqueoloxía-Informes-2, Campaña 1988. Consellería de Cultura. Xunta de Galicia. A Coruña. 1991.

GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: “O patrimonio, esquecido, no San Amaro. Análise da situación do patrimonio nun concello rural na provincia de Ourense”, en Ágora do Orcellón 17. Páx. 38-52. Vigo. Marzo de 2009.

VVAA: Gran Enciclopedia Gallega. Vol. XXVII, voz “San Amaro”. Santiago de Compostela / Gijón. 1974.

1 comentario en “XI. O castro do Coto do Santrocado”

  1. No punto 4. A relación con outros poboamentos antigos arredor do Santrocado, soamente poñes os castros do lado do Miño e tamén e clarísima a relación cos do Vale do Barbantiño. Lambrica e Ourantes xa comparten co Barbantiño, pero faltan
    O Formigueiro e Castro de Santa Mariña e de seguro mais. No meu pobo San Estevo de Vilamoure, enfrente de O Formigueiro do lado de Punxín e moi perto de Lambrica pode ser que houbera un Castro e abaixo na carretera en Punxín vin uns restos cerca de Outeiro que poderían ser de un castro. Una aperta de Alberto Fernández. Tel 661 354447.

    Responder

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario